Laxeiro en Bos Aires, 40 pinturas para coñecer os 20 anos do artista na Arxentina
Na exposición, que se pode ver desde este martes na Cidade da Cultura, pódese apreciar a evolución que o artista experimentou no seu estilo durante o tempo que viviu na Arxentina
O Museo Centro Gaiás acolle desde este martes ata o 18 de decembro a exposición 'Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires 1950-1970)', centrada na época arxentina do artista, José Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro.
Así, a exposición mostra, a través de 40 obras, a etapa artística do pintor lalinense durante a súa estancia na Arxentina. Nela pódese apreciar a evolución que o artista experimentou no seu estilo durante o tempo que viviu en Bos Aires.
A mostra reúne pezas que proveñen do Museo Municipal Ramón María Aller de Lalín, o Museo de Pontevedra e Afundación. Esta exposición comezou en Lalín, pasou por Madrid, actualmente está en Santiago e finalizará o percorrido en París, na sede do Instituto Cervantes.

Na inauguración participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; o comisario da mostra, Carlos López Bernárdez, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
Rueda definiu a Laxeiro como "o pintor galego máis importante do século pasado" e remarcou que o principio do artista foi que "sentía galego por encima de calquera cousa".
Rueda subliñou a importancia de Galicia na obra de Laxeiro. "Galicia inspirou ao Laxeiro máis universal e, en contrapartida, o pintor levou a identidade galega polo mundo", así se referiu ás súas obras como "unha combinación constante entre renovación e paixón pola cultura popular galega".