Entramos na factoría de Morás, a "nova cociña" de Estrella Galicia
Xa ten en marcha dúas liñas de fermentación e maduración con capacidade para producir 400 millóns de litros ao ano
Pretenden ir escalando á vez o mercado e a ampliación das instalacións previstas para 900 millóns
Coa nova factoría no polígono de Morás, Estrella Galicia dótase por primeira vez, dunha “segunda cociña” para producir a súa gama de cervexas.
Nos novos tanques repítese a fórmula iniciada hai máis dun século e que se renova regularmente nun ciclo que entre fermentación e maduración dura de 12 a 20 días.
Case un mes despois da súa inauguración oficial, os responsables da nova factoría amosan por dentro unhas instalacións que consideran clave para a súa estratexia de crecemento global.
Temos máis de 70 quilómetros arredor de toda a fábrica de tubaxe de aceiro inoxidable. Xa hai moitas cousas que están feitas con vistas a foto final de 900 millóns de litros
Esa é a cifra de produción á que aspiran chegar, segundo explica ao longo da visita Miguel Calvo, o director de Enxeñaría de Hijos de Rivera.
Farano conforme vaian escalando tanto nas vendas coma nas fases de construción desta nova cociña que complementa a que manteñen no polígono da Grela e na que seguen cociñando a súa característica receita de ritmo lento, remarca Silvia Álvarez Castro, a directora da fábrica de Morás.
"Aquí podedes ver os nosos 19 tanques de fermentación e os 36 de maduración. A nós gústanos manter un sabor característico e canta máis maduración máis rica está a cervexa".
Estrella Galicia ten detrás 120 anos de historia e está presente en 75 países de todo o mundo. As novas instalacións de Morás, nas que xa se investiron 270 millóns de euros e prevén chegar finalmente aos 500 millóns, levan xa uns meses en activo producindo e envasando a un ritmo de 72.000 botellas por hora.
A nova fábrica que ocupará ata 47 hectáreas permitirá aumentar a produción da compañía, que o ano pasado facturou preto de mil millóns de euros. O obxectivo da cervexeira é que a facturación se duplique e acade os 2.000 millóns de euros en 2030.
