Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lanzan un S.O.S. contra o abandono dos barrios do norte de Lugo

Lanzan un S.O.S. contra o abandono dos barrios do norte de Lugo

Veciñanza e colectivos cidadáns reclaman a rehabilitación dos edificios degradados e a erradicación da inseguridade

Inmoble tapiado no barrio lugués da Milagrosa
Félix Aragunde 08/12/2025 19:49 Última actualización 08/12/2025 20:51

Malia resultaren necesarias máis vivendas, numerosos edificios do barrio máis populoso de Lugo permanecen tapiados mentres se van degradando. Segundo sinalan dende a plataforma veciñal SOS Milagrosa-Lugo Norte, cómpre un plan de mellora urbanística que tome a iniciativa á hora de financiar as obras de rehabilitación dos inmobles baleiros.

"A día de hoxe non se está rehabilitando porque a xente non ten cartos. O que ten que adiantalos sempre é o veciño, e moitas veces cando chega ao banco non lle dan eses cartos para poder facelo. A solución é que se vaia rehabilitando aos poucos e os cartos que non teñan que adiantalos os veciños. Se non, así é imposible", sinala Fernando Toubes, voceiro da plataforma SOS Milagrosa-Lugo Norte. 

Non menos importantes son os problemas de convivencia que arrastran os barrios do norte da cidade. Entre eles, a venda e o consumo de drogas en determinados locais ou mesmo na vía pública, coas conseguintes molestias para a veciñanza. Para lles facer fronte, demandan unha loita policial que faga seguras as rúas da zona.

"Segue habendo roubos nos establecementos. Esa inseguridade que hai vai ligada directamente ao consumo de drogas. Para nós é fundamental que iso se erradique e que se vixíe dunha maneira moi estreita", subliña Toubes.

Xunto coa Milagrosa, barrios lugueses coma Feixó, Albeiros ou A Piringalla comparten os mesmos problemas. Da súa solución dependerá o seu futuro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade