Veciños de Vista Alegre, en Santiago, denuncian que conviven con narcopisos
Os veciños aseguran que viven atemorizados e sofren insultos e ameazas de morte
Reclaman que se interveñan as vivendas onde se delinque e se reforce a vixilancia na zona
Os veciños de Vista Alegre, en Santiago, denuncian a existencia de varios narcopisos no barrio. Aseguran que están atemorizados pola situación, que recibiron ameazas por chamar a policía e que non poden vivir tranquilos nin de día nin de noite.
Son vivendas alugadas, no último caso a unha familia, as que nestes tempos se transformaron en puntos de venda de estupefacientes, segundo relatan os veciños de Vista Alegre. Nelas hai un ir e vir continuo de persoas drogodependentes que acceden ás zonas comúns do edificio a calquera hora.
"Hai poucos días saín, collín o ascensor e atopei unha persoa que nin che conto as circunstancias en que estaba. Fáltanlles cartos e cando é así ela non lles dá o que necesitan. Teño medo por min e pola miña filla. Está aterrorizada, ten medo ao saír do colexio, ten medo a baixar as escaleiras ou coller o ascensor", di unha veciña.
Nestas últimas semana a situación volveuse máis tensa. Os veciños avisaron de novo á Policía e ao despois da visita dos axentes empezaron as ameazas.
"Chamei a policía, mandeinos entrar na miña casa. Ela está ao tanto e vixía pola mira da porta todos os nosos pasos e viunos entrar na casa. Cando se foron púxose no portal berrando ameazas de morte e outros insultos"
A veciña reproduce no seu teléfono a gravación das ameazas:
" Que pensan, que chaman á policía e eu vou para o cárcere e que non queda xente fóra para ir matar os "chivatos". Pois claro que os mata a miña familia. Se os meus fillos levan un susto, as súas fillas tamén levan un susto. É así, lei de vida"
A veciña interpuxo unha denuncia por estes feitos e din que están totalmente desprotexidos. Que hai máis ameazas de queimarlles os coches e as casas e que precisan vixilancia policial e que se interveña a vivenda.