Lalín prepara un programa de actividades para ver a eclipse total de sol do 12 de agosto
Haberá unha observación guiada a carón do Altar do Sol, un monumento megalítico declarado Ben de Interese Cultural en 1974
O concello de Lalín tamén traballa na organización dun festival de música
A eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto será o grande acontecemento astrónomico do último século en Galicia. En Lalín, a fase de ocultación total terá unha duración duns 20 segundos. O concello prepara un programa de actividades en colaboración co Observatorio Astronómico de Santiago. Haberá unha observación guiada a cargo do astrónomo José Angel Docobo.
"Creo que pode facer aquí un labor de explicación moi importante, e farémolo desde aquí para ver a eclipse. Logo tamén nos gustaría facer un festival dedicado ás estrelas, ao sol, á lúa ou ao que sexa, un festival que estamos buscando como chamarlle, para que a xente que veña aquí a ver a eclipse poida ter música ligada á ocasión", explica o alcalde de Lalín, José Crespo.
A observación guiada da eclipse vaise facer a carón do Altar do Sol, un monumento megalítico declarado Ben de Interese Cultural en 1974. Forma parte da necróple de Alperiz, que o concello de Lalín pretende recuperar e poñer en valor.
"Queremos ir moito más alá para intentar que o Altar do Sol e o conxunto megalítico de Alperiz, xunto coa Mámoa da Cruz, que está pendente de escavar e que está pedido á Xunta, poidamos facer un punto de referencia obrigado no que toca á paisaxe e á cultura megalítica", asegura o alcalde de Lalín.
As actividades relacionadas coa eclipse enmárcanse dentro da promoción de Lalín como destino Starlight de observación das estrelas. A eclipse total de sol coincidirá co día de maior intensidade da chuvia das Perseidas.