Cócteles de verán: Sabores máis frescos, afroitados e con menos alcohol
As propostas son do máis variado, e mesmo atopamos o 'Galician Cup' ou combinados sen alcohol
O verán é sinónimo de vacacións e praia. E para levar mellor a calor sempre está a opción de degustar un cóctel.
"Sobre todo cando pega o soliño os mojitos adoita saír moito, piñas coladas e margarita que tamén está fresquiño", destaca Pablo Agromayor, responsable de coctelería en Bellini Rooftop Restaurante&Bar.
Nesta ocasión a proposta de Pablo é un mojito de laranxa e mango:
"Eu creo que teñen que ter algún matiz así como máis fresquiño, tropical, afroitado e que non se note tanto esa presenza de alcohol tan forte. Máis suaviño e así cousiñas fresquiñas sobre todo", engade.
Para Miguel Arbe, mestre cocteleiro da Coctelería Bordello, "case todos os cócteis de verán adoitan ser cócteis máis longos, non moi curtiños, non moi alcohólicos e así é máis doado bebelos".
Mais hai outras suxestións, mesmo con toques galegos. "Imos empregar unha augardente galega", di Miguel. E todo mesturado, que non axitado, con produto local de temporada: "Un pouquiño de pepino e amorodo. E aquí temos o noso Galician Cup".
E para rematar, un apuntamento de interese: todas estas propostas teñen a súa versión sen alcohol.