O estilo 'tradi' está de moda
Asistimos desde hai anos ao rexurdimento do traxe tradicional galego, incorporando pezas aos estilismos cotiáns
O traxe tradicional galego sae das arcas de completa actualidade. As pezas orixinais, recuperadas ou de nova inspiración son modernas grazas á teima dos grupos folclóricos, pero tamén a personaxes públicos e xente da rúa que as locen decotío e en eventos. O estilo 'tradi' está de moda, como nos confirma Rosa Segade, con tenda e taller de traxe tradicional galego.
"Probablemente o paso polo Benidorm Fest das Tanxugueiras fixo que isto tivera unha proxección máis alá do que é habitual pola rúa", di a artesá de De Cotío.
O 'tradi' rescata oficios e artes para pezas contemporáneas, recuperacións ou creación doutras novas nunha revolución sostible que revaloriza roupa desaproveitada e cara que cobra nova vida nas mans de costureiras.
"Un bordado á máquina nunca queda como un bordado á man, ou un niño de abella tamén ten unha cousa especial, ou as puntillas de bolillos, cousiñas que hai que facer á man", explica Fátima, de Brandas Atelier, en Dornelas, Silleda.
As pezas que máis se ven nas rúas son, segundo Rosa:
"Os panos están practicamente totalmente incorporados. Os pendentes tamén, sobre todo, os aros da Fonsagrada; os refaixos de la, que abrigan bastante, e logo unha peza que pide moita xente para eventos é o sancosmeiro".
Raíces e historia de Galicia reinterpretados fóra do baile tradicional que a miúdo son herdanza familiar como a saba de liño que Fátima está a transformar nunha camisa.
"Esta é unha saba de liño e vai ser unha camisa para baile ou para poñer con vaqueiros".
No século XX o traxe tradicional quedou caduco. A mocidade actual lóceo con fachenda, asegura Rosa.
"No momento actual posiblemente haxa menos pudor en poñer unha destas pezas sen sentirse disfrazado".
Pezas que son símbolo de autenticidade, exclusividade e identidade.