Plena ocupación hoteleira para o 25 aniversario do Arde Lucus
Para conseguir unha habitación libre e a bo prezo entre o 18 e o 21 de xuño, o máis viable é procurar nos arredores de Lugo
Durante a celebración do Arde Lucus, a capital luguesa incrementa expoñencialmente o seu número de habitantes co aumento da poboación flotante. Son milleiros os visitantes que acoden para gozar desta festa de recreación histórica de interese turístico internacional, polo que practicamente todas as prazas hoteleiras están xa reservadas, en especial para os días máis fortes.
"Xa comezamos o xoves co 70 ou 80 por cento das habitacións completas, venres e sábado xa ao cento por cento, dende hai xa un par de meses, e o domingo estará agora mesmo xa ao 80 por cento", sinala Alicia Iglesias, recepcionista do hotel Torre de Núñez.
Moitos dos hoteis de Lugo xa colgaron o cartel de completo, sobre todo os máis céntricos. A menos dunha semana para o comezo da festa, onde resulta máis probable atopar unha habitación libre é nos establecementos situados ás aforas da cidade ou mesmo nos concellos da contorna, como neste de Outeiro de Rei.
"Para a fin de semana do Arde Lucus, das catro casas hai tres cheas. Queda unha, que non temos dúbida ningunha de que se vai encher, porque todos os anos pasa o mesmo", afirma Pedro Gurdiel, xerente de Casas da Fortaleza.
"Nós aquí dispoñemos de 70 habitacións. Agora mesmo estaremos entre un 85 e un 90 por cento, pero a previsión é chegar ao cento por cento. Este ano, á parte do Arde Lucus tamén coincide que hai unhas oposicións o sábado aquí na cidade, co cal o cliente é moito de xente que vén ás oposicións e de xente que vén celebrar o Arde Lucus", engade Alfonso Arias, copropietario do hotel Los Olmos.
Tocante aos prezos, os máis altos van corresponder ás prazas que queden libres tras as anulacións de última hora. Nalgúns casos, mesmo poden chegar a superarse os 300 euros por unha habitación dobre.
Habitación dobre nun hotel de Conturiz, ás aforas de Lugo