Publicador de contidos

Publicador de contidos

Judith Fernández: "E-Dixgal vai evolucionar cara a un modelo híbrido"

Judith Fernández: "E-Dixgal vai evolucionar cara a un modelo híbrido"

Os centros de primaria adheridos ao programa dixital poderán empregar libros de texto nun máximo de tres materias

Os primeiros cambios implementaranse o vindeiro curso para que os cativos fagan un uso máis equilibrado da tecnoloxía

Os cambios continuarán nos anos seguintes coa renovación de todos os contidos dixitais e coa formación do profesorado

G24.gal 10/05/2025 20:51 Última actualización 10/05/2025 21:52

A consellaría de Educación está traballando xa nas novidades do programa E-Dixgal, que vai evolucionar cara a un modelo híbrido, no que os libros de texto tradicionais volverán cobrar protagonismo, sobre todo, na educación primaria.

A decisión queda en mans dos centros, que poderán decidir que materias volven ao papel, ata un máximo de tres, tal e como explicaba na Radio Galega Judith Fernández, a directora de Ordenación e Innovación Educativa.

"Terán que decidir dentro do centro educativo como queren traballar e incorporar eses libros de texto. Determinarán aquelas materias nas que prefiran ter ese complemento de libro físico, van contar igualmente con recursos en dixital porque no momento actual calquera materia en calquera etapa educativa tense que traballar cunha variedade ampla de recursos".

As familias terán acceso aos libros a través de axudas públicas, en función da súa renda. Tamén os centros de secundaria verán ampliadas as posibilidades de acceso a subvencións.

A idea é avanzar cara a un modelo híbrido máis equilibrado, despois de que asociacións de nais e pais e moitos docentes amosaran a súa preocupación pola excesiva dependencia das pantallas ou a perda do hábito de lectura entre a rapazada.

Os cambios no programa, ao que se adheriron máis de 600 centros de toda Galicia, continuarán nos cursos seguintes, coa renovación de todos os contidos dixitais e coa formación do profesorado.

"Queremos evolucionar cara a uns contidos que tamén favorezan ese maior emprego híbrido de recursos e nese sentido hai que facer unha contratación a través dun procedemento de licitación pública e iso lévanos un tempo, obviamente. E hai outras medidas como a formación do profesorado, que é clave". 

Ademais, a Consellaría de Educación traballa xa nun plan de benestar dixital co asesoramento de pedagogos, pediatras, psicólogos e expertos en tecnoloxía. Judith Fernández explicou que o obxectivo é garantir un uso saudable da tecnoloxía nas aulas.

"O que pretendemos con isto é contribuír a que a comunidade educativa en xeral tome conciencia de que hai que facer un uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía, porque ese uso non o podemos evitar, xa que o alumnado, o profesorado e as familias van utilizar a tecnoloxía, pero queremos que sexa un uso equilibrado, controlado e seguro para os menores".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade