Publicador de contidos

Publicador de contidos

José González: “O absentismo laboral cústalle a Galicia 4.200 millóns de euros ao ano”

José González: “O absentismo laboral cústalle a Galicia 4.200 millóns de euros ao ano”

O conselleiro de Emprego aposta polo diálogo social para mellorar a prevención de riscos, o benestar laboral e a xestión das baixas

José González pídelle ao Ministerio de Seguridade Social un maior control das baixas de longa duración
 

José González no estudio da Radio Galega
G24.gal 10/05/2026 09:25

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración asegura que o absentismo laboral  é un problema que ten “unha tendencia á alza” tanto en Galicia como no resto de España, especialmente, trala pandemia do covid.

José  González indicou, na entrevista dos domingos da Radio Galega, que Galicia está entre as comunidades con máis absentismo laboral ao superar en máis dun punto a media nacional que é do 6,3%.

Citando un  informe recente das universidades de Vigo e Santiago, o responsable de emprego da Xunta lembrou que este problema ten un custo de máis de catro mil millóns para as empresas e para a Seguridade Social. 

“Ese informe cifra o impacto das baixas laborais en mil millóns de euros de custos directos para as empresas e outros mil para a Seguridade Social, só en Galicia. A perda de produtividade por ese absentismo que non se dá cuberto cústalle ás empresas 2.200 millóns. Só nun ano, 4.200 millóns”.

O estudo, engadiu, tamén revela que factores estruturais como o avellentamento ou un maior número de mulleres traballando só explican  o 30% dese absentismo. O resto, ao seu xuízo, ten que ver coas dificultades para unha reincorporación inmediata e cos “abusos”.

“Non é que eu crea que hai fraude, é unha evidencia. Ademais, hai casos acreditados pero eu digo e repito, esa é unha parte da problemática. Nos procesos de control e xestión tamén se poden facer melloras. Temos que analizar todos os ámbitos e, por suposto, perseguir os abusos que se producen”

Ante esta situacion, José González apostou polo diálogo social para reducir as baixas mellorando a prevención dos riscos no traballo, as medidas de benestar laboral, o control e a xestión das incapacidades temporais.

Neste senso, lembrou que nos últimos días publicouse no DOG o decreto que regula a Mesa do Diálogo Social de Galicia na que participan a Xunta, a Confederación de Empresarios e os sindicatos CCOO e UGT Galicia e na que a CIG “declinou participar”.

O titular de Emprego explicou que hai marxe de mellora respectando sempre o dereito dos traballadores a coller unha baixa cando sofren un problema de saúde ou un accidente laboral.

“Cando un traballador ten unha enfermidade, unha lesión,un accidente, ten dereito a esa baixa e a que o sistema lle dea cobertura sanitaria e económica todo o tempo que sexa necesario, ata que recupere a saúde. A partir de aí, creo que hai marxe de mellora en eivas que estamos vendo que afectan ao procedemento, sobre todo, de control e de xestión”

Plan Integral contra o absentismo

José González defendeu o Plan Integral contra o Absentismo Laboral que prepara a Xunta.

“Os empresarios son conscientes de que teñen que facer melloras no ámbito do benestar laboral e nós queremos apoialos a través dunha estratexia na que determinemos medidas como, por exemplo, cuestións ergonómicas que logo poden afectar ás enfermidades músculo-esqueléticas”

O conselleiro de Emprego sinalou que, mesmo antes de que estea listo o plan, se poden introducir medidas como o reforzo das inspeccións sanitarias ou “a creación de unidades especializadas que dean apoio aos médicos cando as baixas superen os tempos medios”.

José González censurou as críticas do BNG a este plan.

“En ningún momento se tachou aos traballadores de vagos malfeitores ou, como di o Bloque, aos médicos de defraudadores. É un debate interesado que está buscando o BNG para facer conflito”.

O responsable de Emprego da Xunta tamén se referiu ás declaracións da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo sobre o Plan Integral que prepara a Xunta. Yolanda Díaz pediulle ao presidente Alfonso Rueda que centre as súas políticas na prevención dos accidentes laborais e que non semente sospeitas sobre os traballadores. Tamén insistiu en que o Goberno o recorrerá se finalmente sae adiante. 

“O comentario da ministra, aparte de demagóxico, é pouco informado porque falar de que invadimos competencias! Eu pediríalle que concrete que competencias invadimos? Facer unha estratexia de benestar laboral en Galicia da man de empresarios e sindicatos vai implicar un recurso de inconstitucionalidade?… Creo que sería moito mellor aconsellarlle á ministra  de Traballo que falase coa súa colega Elma Saiz  e que se preocupasen de mellorar o funcionamento da Seguridade Social nas baixas de 365 días que son, precisamente, da súa competencia”.

 José González apuntou que Galicia é a segunda comunidade autónoma cunha maior prevalencia das baixas de máis de 365 días e pediulle ao Ministerio que simplifique os trámites para acurtar tempos.

Paro

José González afirmou que a evolución do mercado laboral galego é positiva. O titular de Emprego lembrou que os datos do mes de abril, con 112 mil desempregados, son os mellores de toda a serie histórica.

“Tamén temos o mes de abril co maior número de afiliacións, por riba de un millón cen mil e se imos á enquisa do primeiro trimestre vemos que no cómputo anual creceu tanto a poboación activa como a ocupada”.

José González suliñou que estes datos reflicten “a creación de emprego de calidade e o carácter resistente do mercado laboral galego nun contexto de incerteza tanto económica como xeopolítica”.

Vivendas para traballadores

José González adiantou que a próxima semana publicaráse no DOG a orde de axudas para a rehabilitación de casas unifamiliares que se aluguen a traballadores de empresas que estean nun raio de 15 quilómetros.

As subvencións, segundo explicou, poden chegar aos 50 mil euros e teñen como obxectivo paliar a falta de man de obra  e de vivenda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade