Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta e O'Mega selan un acordo que pon fin á folga de médicos, que volverán facer 'peonadas'

A Xunta e O'Mega selan un acordo que pon fin á folga de médicos, que volverán facer 'peonadas'

Alfonso Rueda destaca a vontade de consenso

O pacto supón un cambio estrutural no modelo de relacións laborais do persoal facultativo do Sergas e permitirá recuperar a actividade concertada nos hospitais

Protesta de médicos en Vigo o pasado 10 de marzo (Europa Press/Adrián Irago)
EP 08/05/2026 09:50 Última actualización 08/05/2026 13:32

A Xunta de Galicia e o sindicato médico O'Mega -maioritario en Galicia- alcanzaron esta noite pasada un acordo que pon fin á folga convocada a nivel autonómico e permite a médicos e facultativos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) retomar a actividade concertada, popularmente coñecida como peonadas, nos hospitais públicos galegos.

Esta folga, de carácter indefinido, coincidía coa convocada a nivel estatal para reclamar do Ministerio de Sanidade a redacción dun estatuto marco propio para médicos e facultativos e tiña como principal consecuencia a negativa dos facultativos para realizar peonadas: horas extraordinarias coas que a Consellería de Sanidade paliaba a lista de espera de intervencións cirúrxicas non urxentes.

Coa desconvocatoria, o paro de catro días ao mes convocado a nivel estatal é a única folga vixente en Galicia.

Máis aló dun conxunto de medidas illadas, o acordo esta noite supón un cambio estrutural no modelo de relacións laborais do persoal médico e facultativo do Sergas.

O acordo recolle as principais demandas do sindicato, comezando por abrir unha vía de negociación para mellorar as condicións laborais de todos os facultativos dependentes do Sergas, así como tamén dos MIR (médicos residentes) que prestan servizo en hospitais e centros de saúde dependentes da Sanidade pública en Galicia.

A primeira consecuencia práctica do acordo é a aplicación inmediata da xornada ordinaria de 35 horas semanais, ademais da apertura dun proceso de negociación para aprobar no prazo de nove meses unha regulación común e homoxénea da xornada complementaria (horas extras) en cada servizo. O compromiso de ambas as partes é o de lograr que estas horas extras sexan voluntarias no prazo de cinco anos.

O compromiso desta negociación é o de establecer un incremento progresivo do prezo destas horas extras de garda e equiparalas ao das horas ordinarias nun prazo de tres anos, cun incremento do 40 % en 2027 e un 30 % en cada uns dos exercicios de 2028 e 2029.

Estes incrementos tamén se aplicarán proporcionalmente tanto ás horas presenciais como ás localizadas, festivas ou ás consideradas de alta dedicación.

Ao mesmo tempo analizaranse os plans funcionais dos servizos co obxectivo de dimensionar adecuadamente a súa organización, de forma que sexa posible avanzar cara a un modelo sostible e viable no que as gardas sexan de carácter voluntario nun prazo máximo de cinco anos, buscando en calquera caso garantir un descanso compensatorio suficiente para protexer a saúde do persoal médico e facultativo sen menoscabar a asistencia sanitaria á poboación.

Ademais, no prazo de seis meses abrirase unha negociación sobre a exención das gardas para maiores de 55 anos, establecendo un período transitorio voluntario para a reincorporación voluntaria.

O acordo recolle tamén o incremento do 2,5 % do complemento de produtividade variable pactado en 2025 e a súa actualización a partir deste ano, incrementando a maiores un 20 % o 1 de xaneiro de 2027 e outro 20 % o 1 de xaneiro de 2028.

A xubilación flexible e a avaliación dos complementos salariais que afecten a médicos e facultativos, en concordancia cos avances que se alcancen a nivel nacional en materia de clasificación ou doutros para adecuar o salario de médicos e facultativos á contorna da OCDE son outros dos puntos incluídos no acordo alcanzado onte á noite entre responsables do Sergas e de O'Mega, que tamén contempla a constitución dun grupo de traballo para reordenar a actividade asistencial estrutural realizada en xornada de tarde, coñecida como actividade autoconcertada ou peonadas.

O persoal MIR tamén se beneficiará do acordo alcanzado entre a Xunta e O'Mega, porque o acordo inclúe o compromiso da Xunta de aboar aos médicos residentes un complemento retributivo de 75 euros mensuais a partir do 1 de xaneiro de 2027, que será de 100 euros a partir de 2028 e de 120 euros a partir de 2029. Este complemento de residencia terá carácter estrutural e líneal, co obxectivo de mellorar a competitividade e a capacidade de captación e fidelización de profesionais médicos para a Comunidade Autónoma de Galicia.

A maiores, os mir verán a partir do próximo 1 de xuño remunerada a quinta garda e as sucesivas realizadas no mesmo mes e analizarase a aplicación ao persoal residente en formación das melloras que afecten o persoal medico facultativo.

O sindicato maioritario entre os médicos e facultativos galegos manifestou a súa satisfacción por "un acordo que beneficiará a práctica totalidade dos profesionais do Sergas" e valora "a capacidade de diálogo demostrada para poñer fin a un conflito do que médicos e usuarios da sanidade pública galega eran os principais prexudicados".

O'Mega apela agora ao Ministerio de Sanidade para que afronte coa mesma capacidade de diálogo o conflito derivado da súa negativa para aceptar a redacción dun estatuto marco propio para médicos e facultativos de toda España e faga posible poñer fin ao único conflito que permanece aberto na sanidade pública española.

Rueda destaca a vontade de consenso

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda destaca a vontade de consenso para chegar a este acordo e ao da atención primaria. O presidente pídelle ao Goberno central que siga o exemplo de Galicia para acabar coa folga de médicos en toda España. Acusa ao Ministerio de ollar cara outro lado.

"É unha boa noticia que poidamos volver á normalidade"

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, confirmou este venres un acordo co sindicato O'Mega e outras asociacións profesionais para poñer fin á folga de médicos, sobre a que aludiu a "máis de 20.000 actos suspendidos" en Galicia.

O colleiro dixo que é "unha boa noticia que poidamos volver á normalidade" e estimou que o paro tivo "un impacto importante en Galicia".

Durante a inauguración da nova sede do Colexio de Médicos en Ferrol, ratificou que o paro autonómico quedará suspendido, pero manterase o de alcance estatal, vinculado coa reforma do Estatuto Marco dos profesionais sanitarios.

A Xunta de Galicia resaltou que o acordo "mellora as condicións laborais dos facultativos".

Gómez Caamaño emprazou ao Goberno central a desbloquear a negociación sobre o conflito aberto ao redor do Estatuto Marco e apoiou que se faga "un recoñecemento explícito da responsabilidade inherente ás funcións propias do persoal facultativo e poñer en valor o seu traballo fundamental".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade