Jesús Contreras, enxeñeiro: "Revisemos as presas, que non pase o do ferrocarril"
Alerta de que o 60% dos encoros de titularidade estatal non cumpren os requisitos de seguridade
O colectivo estima que se deberían investir entre 300 e 500 millóns anuais no mantemento dos encoros
Piden un organismo independente ao Ministerio que vele pola seguridade dos pantanos
O vogal da Xunta Directiva da Asociación de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos afirma que a situación dos encoros en España é "bastante delicada".
Jesús Contreras sinalou, na entrevista dos domingos da Radio Galega, que levan anos denunciando eivas de seguridade nas presas de titularidade estatal, as únicas das que teñen datos.
Explicou que dos 1300 grandes encoros que hai en toda España (de máis de 15 metros de altura), 900 están catalogados como clase A, isto é, que o seu colapso podería implicar consecuencias moi graves para as poboacións augas abaixo. Deles, 300 son xestionadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, MITECO.
O enxeñeiro denunciou que, segundo documentos internos da Dirección Xeral da Auga, o 75% deses 300 encalcos "precisa estudos complementarios de seguridade".
"Isto dicíano no ano 91 nun Congreso sobre as presas españolas. Falaban de que o 30% ( dos encoros) precisa reforzo estrutural; que o 50% dos desaugadoiros de fondo necesitan rehabilitación ou recuperación porque están inoperativos; que o 40% das presas teñen problemas de estabilidade como consecuencia de fallos nas pantallas de impermeabilización etc, etc, etc...".
Jesús Contreras explicou que en 24 represas os desaugadoiros de fondo (que regulan o nivel do encoro ante as enchentes previstas en cada época do ano) están inoperativos "porque non funcionan ou porque están cheos de terra".
"Hai outras 60 presas nas que os equipos de manexo dos desaugadoiros de fondo e de comportas non se atreven a manobrar porque non están seguros de se poderán pechalas de novo. Noutras tantas hai un só dos dous desaugadoiros que marca a lei".
Segundo o vogal da Xunta Directiva da Asociación de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos "a día de hoxe, o 60% das presas de titularidade estatal, unhas 220, non cumpren as condicións de seguridade coas que foron deseñadas e necesitan algún tipo de actuación".
Unhas actuacións para as que, segundo Jesús Contreras, habería que investir, anualmente, entre 300 e 500 millóns de euros. Unhas cifras, abondou, que parten dos propios enxeñeiros das Confederacións Hidrográficas, "que se plasman nos Plans Hidrolóxicos e que despois non se cumpren".
"No ano 2023 investíronse 16 millóns de euros fronte aos 150 millóns que se destinaron a facer estudos -moi necesarios seguramente-, plantacións para a recuperación de ecosistemas ou restauracións das ribeiras dos ríos. E, ademais, gastáronse, ao mellor, 60 ou 70 millóns, en eliminar obstáculos dos leitos dos ríos, algúns patrimonio hidráulico deste país... Esa é a realidade, non se inviste nada".
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Jesús Contreras tamén alertou da falta de revisións de seguridade nalgunhas concas.
"Dende hai 20 anos non se fixeron revisións de seguridade nas presas da conca do Segura...Segundo a lei, hai que facelas de oficio cada 5 anos e non se fan porque non hai enxeñeiros".
O experto sinalou que as "confederacións se foron destecnificando". Segundo indicou, nos últimos dez anos elimináronse o 20% dos postos de traballo "o que afecta á seguridade".
"Non poñen recursos porque, dende o ano 2000, a palabra presa, nos distintos gobernos, é unha cousa do pasado, dos pantanos de Franco e esqueceuse que as precisamos porque senón neste país non se podería vivir. En Galicia si, pero no resto de España non se podería vivir".
Órgano independente
O vogal da Xunta Directiva da Asociación de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos afirmou que a maior reivindicación destes profesionais é a creación dun organismo independente que controle a seguridade dos encoros e que xestione as enchentes. Un organismo, incidiu, similar ao que xa existe para as centrais nucleares ou para o transporte ferroviario.
"Non ten sentido que nunha enchente, como aconteceu na DINA, á fronte de todas as decisións fundamentais houbese unha persoa, que podería ser a máis valiosa do mundo, pero que non sabía o que era un metro cúbico de auga por segundo. A conselleira non tiña nin idea….como vai tomar decisións. Non é posible".
Jesús Contreras pediu non agardar a que se produza unha traxedia, para realizar melloras nos encoros. Lembrou a traxedia de Ribadelago, en Zamora, na que faleceron 144 veciños tras colapsar o encoro de Vega de Tera en 1959. Tamén a rotura do pantano de Tous, en Valencia que, segundo cifras oficiais, provocou 8 mortos.
Tras eses accidentes, segundo explicou, aínda se tardaron anos en elaborar a "Instrución de explotación de grandes presas" que regula os requisitos de seguridade destas infraestruturas e en aprobar a "Directriz Básica de Protección Civil ante o Risco de Inundacións".
"Pedimos que non se tarden anos en poñer en condicións as presas, que nos adiantemos. Que non pase coma no ferrocarril, que tivo que haber un accidente para que se revisen tódalas vías de alta velocidade de España porque estaban en malas condicións".
Porén o enxeñeiro rexeitou que nestes momentos haxa encoros en risco de colapso inmediato. Con todo, calculou que uns 24 encalcos de titularidade estatal presentan defectos que afectan á seguridade estrutural, hidrolóxica e hidráulica.