A Xunta instala as válvulas provisionais do encoro de Eiras
Prevén colocar as definitivas a finais do verán
Arquivo
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, visitou este xoves a presa de Eiras para anunciar que a Xunta completou a instalación das válvulas provisionais de abastecemento do encoro e que prevé colocar as definitivas a finais do verán tras un investimento total de preto de 2,3 millóns de euros.
A responsable autonómica lembrou que Augas de Galicia decidiu a finais do ano pasado executar estas obras de emerxencia tras constatar as "deficiencias" que presentaban as catro válvulas de toma de auga da infraestrutura e que son "clave" para determinar o volume de auga que se deixa saír para abastecer a Vigo, Cangas, Moaña, Redondela, Soutomaior, O Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Vilaboa.
Esas válvulas provisionais serán substituídas a finais do verán polas definitivas, que están en proceso de fabricación ao tratarse de equipamentos subministrados baixo demanda, segundo subliñou o Executivo galego nunha nota de prensa.
Con todo, a Xunta denunciou que o Goberno local "coñecía o estado deficiente destas válvulas, pero en ningún momento o notificou á Administración hidráulica autonómica a pesar de que o persoal municipal ou concesionario as manipula diariamente, algo que permitía constatar a súa evidente deterioración".