Os encoros de Galicia-Costa, por riba do 95 %, levan semanas aliviando auga para evitar inundacións
No que vai de ano recibiron na bacía do Xallas máis de 450 hectómetros cúbicos, ou, o que é o mesmo, a auga necesaria para abastecer A Coruña durante 12 anos
As continuas borrascas deste inverno deixan os encoros galegos por riba do 90 por cento de ocupación, chegando ao 95 por cento na conca Galicia Costa. Así que moitas presas leven semanas coas comportas abertas, desaugando de forma controlada para minimizar posibles asolagamentos.
Por exemplo, 50.000 litros por segundo aliviaba este xoves a fervenza do Ézaro, aínda que chegou a desaugar máis do dobre. Río arriba está o encoro de Santa Uxía.
"Estamos practicamente no cen por cento, e ademais temos as comportas abertas, derivado das fortes borrascas", di Francisco Rodríguez, director da área de enerxía de Xeal.
No que levamos de ano recibiron nesta bacía do Xallas máis de 450 hectómetros cúbicos, ou, o que é o mesmo, a auga necesaria para abastecer A Coruña durante 12 anos. Dende o seu centro de control vixían a situación de cinco presas.
"Vemos como están operando as diferentes comportas e desaugadoiros de fondo. Os encoros recollen esa auga e nós soltámola máis lentamente. Abrimos comportas e iso fai pois que non se corten estradas, que non se aneguen colexios ou fogares... Esa é a nosa prioridade. Minimizar o risco de inundacións, xa que os nosos encoros funcionan como amortecedor", explica.
Encoros que se atopan por riba do 95 por cento, de media, na conca Galicia-Costa e preto do 92 % na demarcación Miño-Sil.