Javi Rodríguez: "Imos a Xetafe pola matrícula de honra"
O Celta, sétimo clasificado, encara a última xornada cun punto de vantaxe sobre o Raio Vallecano e o Osasuna
Javi Rodríguez, defensa do Celta, sinalou que o seu equipo irá “pola matrícula de honra” no partido que o vindeiro sábado disputarán no Coliseum de Xetafe contra o conxunto madrileño.
“Vai ser un partido moi bonito de xogar, iremos a Xetafe pola matrícula de honra”, declarou o futbolista celeste, que onte á noite repetiu titularidade fronte ao Raio Vallecano (1-2).
O canteirán lamentou que “dous pequenos fallos” defensivos lles impedisen pechar o regreso a Europa na xornada de onte, pero avogou por seguir traballando “igual que ata o de agora” porque por diante teñen un reto moi ilusionante.
“Neste último partido queremos dedicarlle os tres puntos á nosa afección porque estiveron de dez durante toda a tempada. O día anterior ao partido contra o Raio viñeron moitísimos afeccionados para recibirnos ao hotel de concentración, e onte desde primeira hora da mañá Balaídos estaba a rebentar”, lembrou.
O Celta, sétimo clasificado, encara a última xornada cun punto de vantaxe sobre Raio Vallecano e Osasuna, que pecharán o curso medíndose a Mallorca e Alavés, respectivamente.