Starfelt, mellor xogador do Celta en xaneiro: "É fácil xogar cos rapaces"
O central non estivo na vitoria ante o Xirona por lesión
O primeiro mes do ano xa ten protagonista no Celta. A afección celeste elixiu a Carl Starfelt como MVP Estrella Galicia de xaneiro, por diante de Sergio Carreira e Marcos Alonso.
O central, que disputou 353 minutos repartidos en catro partidos e deixou unha pegada decisiva en cada un deles, non ocultou a súa emoción ao recibir este galardón. “Estou moi contento por recibir este recoñecemento, é moi especial, sobre todo porque vén da afección, e iso significa moito para min”, asegurou, agradecido polo apoio constante desde a bancada.
Starfelt quixo ir máis alá do plano individual e puxo o foco no grupo.
“O equipo fixo un bo xaneiro e é xenial que os seareiros recoñezan este traballo”, explicou.
O xogador recoñece que o vestiario deu un paso adiante tanto na Liga como na UEFA Europa League, e esa dinámica tamén o impulsa a nivel persoal tras un inicio de ano con algunha molestia física.
“Atópome ben e creo que o equipo está competindo moi ben. Cando o equipo o fai ben, tamén é mellor para min”, afirmou.
Xaneiro deixoulle ademais unha noite especial, no duelo ante o Lille acabou marcando.
"Foi un partido importante para pasar de rolda. Marcar ese gol e asegurar a vitoria deunos moi boas sensacións”, lembrou.
O gol chegou tras un saque de esquina, o primeiro que logra así esta tempada.
“Foi o meu primeiro gol de córner este ano e espero marcar máis desta maneira”, confesou.
Ademais de lembranzas tamén falou sobre o futuro e sobre ese partido de oitavos de final da Europa League no que o equipo se enfrontará ao Olympique de Lión, coa ida en Abanca Balaídos e a volta en Francia.
“Son un grande equipo, pero se nós temos un bo día, podemos ser grandes”, advertiu.
Agarda unha eliminatoria intensa e atractiva para todos.
“Será un bo duelo, especialmente na casa… Xogar unha rolda tan avanzada é un orgullo para calquera xogador”, destacou.