Javi Díaz: "A cabeza dicíame que renovase, pero o corazón pídeme outra cousa"
O porteiro do Rosal deixa a Asobal despois de 23 tempadas e 650 partidos
O porteiro Javi Díaz, que onte se despediu da liga Asobal despois de 23 tempadas e 650 partidos, recoñeceu que o seu corazón dicíalle que tomase unha decisión distinta á que pasaba pola súa cabeza cando o Frigoríficos do Morrazo presentoulle a oferta de renovación, que acabou rexeitando:
“Foi unha decisión moi dura, a cabeza dicíame que renovase pero o corazón pídeme outra cousa”, confesou o veterano gardameta, ao que o domingo os preto de 2.500 afeccionados que abarrotaron O Gatañal despediron con honras tras o seu último partido coa camiseta do club.
“Fichei por un ano e acabei estando cinco en Cangas. Aquí gocei como un anano. Vin para cambiar o que tiña encima porque xoguei no Octavio, Teucro e Chapela e aquí non era moi querido. E agora voume co agarimo desta afección, levarei a Cangas sempre no corazón”, ironizou o porteiro do Rosal.
Javi Díaz, de 48 anos, pecha a súa etapa na elite coa camiseta do Frigoríficos despois de pasar por BM Chapela, Octavio, Teucro, Teka Cantabria, Villa de Aranda e Atlético Valladolid. Aínda que non deu pistas sobre o seu futuro, o porteiro podería alongar un ano máis a súa exitosa carreira para retirarse no Acanor Atlético Novás do seu pobo, club en que se formou e que este curso quedou a un paso de dar o salto á máxima categoría do balonmán español.