Investigan unha ferrolá por estafar por Internet con ofertas falsas para alugar vivenda
A muller usaba fotografías e copiaba as características dos pisos que no seu día estiveran anunciados

A Garda Civil investiga unha veciña de Ferrol por estafa despois de ofrecer presuntamente falsas vivendas de alugueiro.
A investigada ofrecía vivendas en recoñecidos portais de Internet. Cando as vítimas se poñían en contacto con ela, pedíalles cartos en concepto de fianza e un mes por adiantado.
Nos dous casos denunciados, de Zaragoza e Pamplona, ambas as vítimas accederon á súa petición enviando 1.020 euros a primeira e 2.250 euros a segunda.
Posteriormente, a investigada comezaba a poñer escusas para formalizar o contrato por supostos problemas con avais, fianzas e redacción do contrato, para finalmente cortar toda comunicación.
Segundo sinala nun comunicado a Garda Civil, incluso unha das vítimas acudiu á vivenda que se atopaba en alugueiro pero o porteiro advertiulle de que na actualidade non existía ningún piso de alugueiro alí.
A investigada empregaba fotografías e copiaba as características dos pisos que no seu día estiveran anunciados en Internet, pero que na actualidade estaban a ser usados polos seus lexítimos propietarios ou xa se atopaban alugados.