Investigan unha estafa en Lugo en que suplantan compañías eléctricas e ameazan con cortar a luz
Os delincuentes achegan datos falsos, pero verosímiles, sobre o contrato dos pequenos negocios para dar credibilidade ao engano
A súa estratexia baséase no medo ao prexuízo económico inmediato, por exemplo, a perder alimentos perecedoiros ou a perder clientes

A Garda Civil investiga na provincia de Lugo unha estafa na modalidade de vishing, pola que se ameaza a negocios con cortarlles a subministración eléctrica por unha suposta débeda impagada, se non se abona inmediatamente o diñeiro.
Segundo informou a Comandancia de Lugo, trátase dunha modalidade de "enxeñería social" mediante a que os estafadores chaman por teléfono a negocios e pequenos establecementos comerciais suplantando ás compañías eléctricas.
Durante a chamada advirten dunha suposta débeda, real ou ficticia, que debe ser abonada canto antes mediante transferencia bancaria e, para exercer presión, ameazan cun corte inmediato da subministración.
En moitos casos, os delincuentes achegan datos falsos pero verosímiles sobre o contrato das vítimas, facendo referencia a facturas ou cifras concretas para dar credibilidade ao engano. Ademais, os estafadores empregan "un ton intimidatorio e urxente", facendo crer á vítima de que non hai tempo para facer comprobacións. Por iso, os investigadores considérana "unha estafa de alto risco".
Trátase de enganos dirixidos e planificados, nos que os delincuentes recompilaron previamente información do negocio escollido como potencial vítima. Así, a súa estratexia baséase no medo ao prexuízo económico inmediato, por exemplo, a perder alimentos perecedoiros ou a perder clientes.
As vítimas son propietarios de bares, restaurantes, tendas de alimentación e pequenos negocios, aínda que tamén hai particulares afectados. A Garda Civil advirte de que os estafadores escollen momentos de "incerteza xeral" ou momentos de maior impacto, como as horas punta de servizo de comidas en restaurantes, días de moita afluencia de clientes en comercios, ou tras eventos como apagamentos ou anuncios de cambios no sistema eléctrico.
Para afrontar estas posibles estafas, a Garda Civil recomenda non facer ningún pago por teléfono, contactar coa compañía eléctrica para verificar a chamada, non facilitar por teléfono datos bancarios, informar á súa entidade bancaria e denunciar antes as forzas de seguridade.