Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alertan dunha estafa telefónica a empresarios de Carballo

Alertan dunha estafa telefónica a empresarios de Carballo

Chaman en nome do Concello para solicitar pagos en relación coa licenza de actividade

Polo de agora non se coñece que conseguise enganar a ningunha empresa

G24.gal 08/05/2025 13:36

Precaución para os empresarios e comerciantes do concello coruñés de Carballo: alerta o Concello dun calote telefónico en nome do consistorio. Pídenlles ás vítimas datos dos propietarios para que paguen a renovación dunha suposta licenza.

"Chamáronme e dixeron: 'Hola, soy Iñaki, del Ayuntamiento de Carballo, y quería hablar con el dueño de la tienda", explícanos Noel, dono dunha tenda que intentaron enganar. Así comeza a chamada coa que pretende estafar. Neste caso decatouse no momento que non era de fiar e non facilitou dato ningún. 

"Comecei a meterme con el e rematou por colgar. Preguntoume o nome e díxenlle un que non era e creo que pensou que aquí non había onde rascar", lembra Noel. 

O presunto estafador leva un tempo contactando cos empresarios da zona, pero polo de agora parece que non conseguiu enganar a ningún.

"Facíase pasar por un traballador municipal dicindo que tiñan que renovar unha licenza do local. Solicitáballe unha documentación e que lle enviaría un mensaxeiro para recollela e renovar así a licenza", indica Diego Iglesias, presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños AXOBER.

Os sinais de alerta parecen claros: insistente e agresivo, con acento estranxeiro e nalgúns casos, como nunha cafetería, mesmo chegou a contactar en día festivo. Recorda Julio Alonso Micsa, empregado do bar, que os "chamaron dúas veces. A primeira foi en Semana Santa, o Xoves Santo. Sorprendeunos que en día festivo chamasen do Concello"

Aínda así, é preciso tomar certas precaucións como as que indica o presidente de AXOBER para evitar ser vítimas. "Cando é algo telefónico non facilitar datos, contrastar sempre a información e o que che teñan que comunicar será sempre por unha canle oficial". 

Desde o Concello de Carballo avisan da estafa nas redes sociais e recomendan sempre chamar ao número do Concello en caso de dúbida. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade