Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desarticulan un grupo dedicado a estafar anciáns, cun detido e varios investigados

Desarticulan un grupo dedicado a estafar anciáns, cun detido e varios investigados

Primeiro seleccionaban os domicilios que ían visitar e ofrecíanlles diversos agasallos para gañarse a súa confianza e venderlles os produtos

As pescudas iniciáronse en febreiro ao entrar unha denuncia dunha persoa maior residente en Baiona 

A investigación foi levada a cabo polo Grupo de Patrimonio da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra A investigación foi levada a cabo polo Grupo de Patrimonio da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra
G24.gal 30/06/2025 16:34

Desarticulado un grupo dedicado a estafar persoas de idade avanzada que concluíu coa detención dunha persoa e a investigación de media ducia máis, entre elas, un procurador colexiado en Pontevedra.

A investigación estivo dirixida por un xulgado de Vigo e levada a cabo polo Grupo de Patrimonio da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra. 

As pescudas iniciáronse en febreiro, ao entrar unha denuncia dunha persoa maior residente en Baiona. Esta persoa denunciou varios supostos delitos de estafa e falsidade documental en trámites de financiamentos irregulares.

A Garda Civil centrou a investigación nunha sociedade mercantil responsable de contratar vendas de diversos produtos a domicilio, con sede na Rioxa e delegación no Porriño.

Tratábase dunha sociedade que "xa posuía declarada insolvencia definitiva por un Xulgado do Social de Vigo".

Ao analizar os contratos de vendas (de produtos como purificadores de auga ou aire ou fundas de colchóns), os investigadores identificaron as persoas responsables da administración, das visitas aos domicilios e das vendas mediante enganos.

Vendas a domicilio

Primeiro seleccionaban os domicilios que ían visitar, preferiblemente de xente maior que vivía soa, e ofrecíanlles diversos agasallos para gañarse a súa confianza e venderlles os produtos.

Na primeira visita asinaban un precontrato de venda dun produto supostamente terapéutico cuxo prezo roldaba os 3.500 euros, un prezo moi por encima do seu valor real, e ofrecíanse sistemas de financiamento mediante pago de mensualidades. Ao día seguinte, persoal da empresa levaba os produtos e eran os encargados de asinar o contrato de venda e o de financiamento.

Mesmo en ocasións, informou a Garda Civil, este persoal ofrecíase a acompañar aos clientes ao banco para retirar diñeiro das súas contas.

Varias irregularidades

A investigación permitiu constatar, a través da facturación presentada ante Facenda, que os produtos ofrecidos facturábanse como agasallos, sendo o maior montante enciclopedias ou coleccións de libros descatalogados, e que unicamente tributaban un 4 % do IVE.

Outra forma de enganar aos afectados consistía en refinanciar as súas compras, convencendo ás persoas maiores de que terían mellores condicións de pago e prazos.

En realidade pechaban un novo financiamento con outra empresa, de maneira que os afectados tiñan máis letras mensuais para pagar distintos préstamos persoais. 

Investigados e delito

Procedeuse á investigación dunha muller de 27 anos, veciña de Vigo e con antecedentes penais; un home de 28 anos, veciño de Redondela; un veciño de Ponteareas de 40 anos e con antecedentes; e un veciño de Valladolid de 49 anos e numerosos antecedentes penais.

Igualmente, a principios de xuño notificouse como investigados aos responsables das sociedades financeiras implicadas, con sedes en Asturias e Cataluña: un home de 58 anos e veciño de Oviedo, e un home de 76 anos, membro do Colexio de Procuradores de Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade