Unha casa de turismo rural de Pantón ofrece rutas en quad pola Ribeira Sacra
No que vai de ano, máis dun milleiro de visitantes optaron por este servizo para descubrir a contorna
Contemplar as viñas, as fervenzas, os muíños ou os miradoiros nunha ruta en quad tamén forma parte, dende hai meses, da oferta turística da Ribeira Sacra. A iniciativa, da que xa gozaron máis dun milleiro de visitantes no que vai de ano, partiu dunha casa de turismo rural de Pantón que conta cunha decena destes vehículos, e non só para os seus hóspedes.
"É unha maneira moi divertida de coñecer a Ribeira Sacra. Ao coñeceren os puntos onde paramos, quedan abraiados, porque é moi bonito e emocionante pola natureza. E ademais, moi divertido. Con adrenalina, pero de forma moi segura", sinala Sandra Rodríguez Jiménez, xerente de Sacra Aventuras.
O servizo está dispoñible para unha soa persoa, para grupos de ata 18 integrantes ou para familias con rapaces dende os sete anos de idade. Tocante á duración das rutas, hainas de entre dúas e catro horas, a máis longa co xantar incluído.
Cada paseo nun quad, no que poden viaxar ata dúas persoas, ten un custo de entre 70 e 120 euros por vehículo. Súmase así un xeito alternativo de descubrir a Ribeira Sacra.
