O porto de Vigo celebra a procesión da Virxe do Carme, patroa do mar
A autoridade portuaria adiantou a celebración unha semana
A Autoridade Portuaria de Vigo celebrou este sábado a procesión marítima da Virxe do Carme, adiantando o festexo unha semana. Como manda a tradición houbo unha misa solemne na lonxa, unha ofrenda floral polos mortos no mar e o máis importante, a procesión pola ría de Vigo coa Virxe custodiada por unha frota de embarcacións do porto.
Desde a igrexa de San Francisco, sobre os ombreiros da policía portuaria, descende a Virxe do Carme, a patroa da xente do mar cara á lonxa do porto de Vigo. Celebran unha misa solemne nun lugar que segue ulindo a peixe e a traballo. Comparten misa autoridades, devotos e moitos familiares de falecidos no mar.
Esta procesión por terra e por mar na honra da Virxe do Carme constitúe o día grande deste porto de Vigo. Despois de décadas sen se celebrar aquí, este é o cuarto ano consecutivo en que a Virxe sae ao mar.
Hoxe, recuperada esa tradición, as catro grandes familias do porto, a portuaria, a marítima, a naval e a náutica, festexan xuntos. Máis de vinte barcos do cerco protexen a súa patroa na procesión no mar e motos vigueses, nas embarcacións das navieiras tamén participan da tradición.
En Galicia, ningunha procesión do Carme esquece os mortos no mar. No monólito da lembranza, cunha virxe acabada de estrear e esculpida na escola de canteiros de Poio presentaron unha ofrenda ás vítimas do Villa de Pitanxo.
"Un enorme agradecemento que nun día de festividade continúen lembrando as vítimas tanto do Villa de Pitanxo como das doutros naufraxios", conta a TVG María José de Pazo, a voceira dos familiares dos falecidos no naufraxio.
A bordo do “Tribal” a Virxe saíu en procesión pola ría de Vigo.
"Hoxe é o día máis importante. E hoxe quen preside o porto non son eu senón a Virxe do Carme. Estamos co corazón cheo e festexando ese sentimento que temos toda a xente do mar", engade Carlos Botana, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo.
"A Virxe do Carme representa un consolo e un refuxio para a alma. Protéxenos de toda esa angustia que significa non saber como vai acabar a xornada", di Antonio Couce, o comandante naval de Vigo.
Escoltada por unha frota duns vinte barcos do cerco e unha embarcación da Navieira Mar de Ons chea de devotos, a Virxe do Carme sucou a ría de Vigo.