A Xunta busca situar a Galicia como "referente" da plena inclusión cun plan estratéxico de persoas con discapacidade
A Xunta busca situar a Galicia como "referente" da plena inclusión cun plan estratéxico de persoas con discapacidade
No Día Internacional das Persoas con Discapacidade, Fabiola García asegurou que terá carácter "transversal" para incluír todos os ámbitos: os servizos sociais, a atención sociosanitaria, a empregabilidade, a educación e formación e tamén o lecer e o deporte
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou este mércores no acto institucional en conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, organizado por Cermi Galicia en Santiago de Compostela.
Durante a súa intervención, avanzou que o Goberno galego lanzará en 2026 un plan estratéxico con horizonte 2030 para situar a Galicia como "referente" na plena integración das persoas con discapacidade en todos os ámbitos das súas vidas.
A conselleira explicou que este plan estratéxico acordarase coas entidades sociais da discapacidade en Galicia e terá carácter "transversal" para incluír todos os ámbitos da vida das persoas con discapacidade: os servizos sociais, a atención sociosanitaria, a empregabilidade, a educación e formación e tamén o lecer e o deporte.
Entre os obxectivos para 2030, asegurou que se continuará realizando unha aposta decidida pola atención temperá, que hoxe dá servizo a 200 concellos, e pola creación dunha rede de atención postemperá, para os nenos e nenas que unha vez cumpridos os seis anos seguen precisando este servizo.
Ademais, incidiu en que o Goberno galego continuará impulsando o fomento da autonomía, da formación e da empregabilidade das persoas con discapacidade, sempre en colaboración coas entidades sociais.
Máis prazas en residencias e centros de día
Nesta liña de cooperación, a conselleira avanzou que a Xunta seguirá apostando por crear máis prazas de residencias e centros de día, que hoxe chegan ás 5.900, e por continuar dando estabilidade ás prazas públicas que xa existen.
Sobre isto, lembrou a recente aprobación da revisión de prezos por parte do Goberno galego, con máis de 7 millóns de euros anuais para facer fronte ao novo convenio colectivo da discapacidade.
A conselleira tamén apostou por continuar creando máis centros para a discapacidade en colaboración coas entidades sociais, un obxectivo ao que nos tres últimos anos se destinaron máis de 30 millóns de euros, e por desenvolver novos modelos de atención, con centros baseados en fomentar a vida independente e a integración na comunidade, como o que se poñerá en marcha en Friol.
Por último, e xunto á elaboración deste plan estratéxico, a conselleira destacou que outro dos principais retos para 2026 será o impulso da lei do terceiro sector social, un compromiso que xa adiantara o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.