Cataluña recupera o servizo ferroviario mentres se desactivan alertas en Aragón
Comezan a circular de novo os trens de longo percorrido en Cataluña
As chuvias, agora centradas en Teruel e os Pireneos, remiten en Aragón
A Axencia Española de Meteoroloxía, a AEMET, ampliara o aviso vermello pola DINA a case toda Cataluña. A situación levou a RENFE a suspender todo o tráfico ferroviario na comunidade catalá, tanto de curto coma de longo percorrido, para evitar as inundacións provocadas polas chuvias torrenciais.
Protección Civil enviou aos teléfonos móbiles de Cataluña unha mensaxe de alerta, na que lles piden a todos os cidadáns que eviten os desprazamentos e as actividades no exterior, a proximidade a ríos ou zonas anegables e permanecer en zonas baixas e sotos.
A última hora desta tarde, Renfe comunicou que vai ir recuperando a normalidade, comezando polos trens de longo percorrido. Protección Civil tamén diminuíu o nivel de alerta, para anunciar que eran posibles desprazamentos e actividades no exterior pero con moita precaución.
As chuvias ameazan agora Teruel e os Pireneos
Onde mellorou mais a situación foi en Aragón, onde as chuvias deixaron tras de si amplas zonas asolagadas, especialmente en lugares como Tarazona ou Grisen, onde varios condutores tiveron que ser rescatados dos vehículos anegados.
O perigo en terras aragonesas céntrase agora en Teruel, en festas esta fin de semana, ou en zonas dos Pireneos. A Unidade Militar de Emerxencias leva todo o día axudando os veciños afectados polas inundacións.
Outro punto onde houbo que actuar con urxencia foi a montaña de Burgos, onde máis de catrocentos escolares tiveron que ser evacuados dos campamentos onde comezaban as vacacións.
Previsións para as próximas horas
A predición meteorolóxica indica que as chuvias e as tormentas irán desaparecendo ao longo deste domingo.