Continúan activos tres focos de lume no barco de Ribeira, pero hai optimismo: "Non é necesario retirar o combustible"
Continúan activos tres focos de lume no barco de Ribeira, pero hai optimismo: "Non é necesario retirar o combustible"

"Non hai tranquilidade ata o final, pero cada vez está mellor a situación". Así se expresaba o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, diante do barco que leva días ardendo no porto de Ribeira.
Tres focos de lume continúan activos a bordo da embarcación, pero o incendio está controlado.
Os equipos que traballan na zona céntranse en seguir achicando auga do barco para diminuír a escora e mantelo en flotación.
E semella que van ter éxito. Nestes momentos, nin sequera se precisa que un arrastreiro manteña a embarcación en equilibrio.
Non será preciso sacar o combustible, pero, por se todo fallase, as barreiras anticontaminación rodean o arrastreiro.
En Ribeira está todo preparado para controlar calquera mínima fuga que se produza dende a embarcación.
O armador do Awadi colabora en todo momento cos labores de achique e os efectivos son optimistas.
Todos confían en que poderán sacar o barco da auga aínda que só sexa para envialo á ferralla.
O porto de Ribeira podería reabrirse ao longo do día.