Publicador de contidos

Publicador de contidos

Préstalle o coche a un amigo, róuballo unha muller e pídenlle 1.500 euros para recuperalo

Préstalle o coche a un amigo, róuballo unha muller e pídenlle 1.500 euros para recuperalo

Un home denunciou que lle subtraeron o vehículo en Vilaboa

Deixárallo a un coñecido que ía cunha acompañante que o levou nun descoido

A Policía interceptou o turismo en Vigo por un aviso sobre condución temeraria

 

G24.gal 03/09/2025 15:04

É un caso cheo de rarezas. Mellor empezar polo final. A Policía Nacional detivo en Vigo catro homes que ían nun coche que circulaba de xeito temerario polo barrio da Guía, en Teis. Foi tralo aviso dunha veciña que alertou dun vehículo que ía en sentido contrario. A muller, a través do teléfono, foi guiando os axentes en tempo real ata que puideron dar co coche. O condutor deu positivo en cocaína na proba de drogas e tiña o carné retirado dende hai tempo. Pero, por se iso non fose dabondo, á Policía saltoulle o aviso de que se trataba dun coche roubado. Constaba unha denuncia de tres semanas atrás en Vilaboa, no outro lado da ría de Vigo: alí un home declarara perante a Garda Civil que lle levaran o coche e que, despois, trataran de extorsionalo.

"O lexítimo propietario do coche denunciou que unha muller o chamara por teléfono para pedirlle mil cincocentos euros a cambio de recuperalo", explica a portavoz da Policía Nacional de Vigo, María Buyo.

O caso xa era estraño polo que acontecera en Vilaboa. Alí, un empresario denunciara que lle roubaran o coche que el lle prestara a un amigo. Relatou que ese outro home levaba no vehículo unha acompañante e que foi esa muller a que marchou co coche aproveitando un momento no que o outro baixou.

A Policía trata de encaixar as pezas: como chegou o coche de Vilaboa a Vigo, que relación teñen a muller e os catro homes prendidos, como contactaron co propietario do vehículo para extorsionalo e, tamén, onde estivo o automóbil durante esas tres semanas. A investigación segue en marcha.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade