Alerta pola presenza de carabelas portuguesas en Sanxenxo, O Grove e Cangas
Os socorristas izaron a bandeira vermella prohibindo o baño en diversos areais
"Onte recollemos 269, son un risco para o baño e os usuarios da praia"
Por terceiro día consecutivo a praia de Montalvo, en Sanxenxo, aparece pragada de carabelas portuguesas.
"Hai moitísimas estes días, e de todos os tamaños"
"Nunca as vira, son bonitas, pero hai que ter moito ollo".
"Onte recollemos 269, son un risco para o baño e os usuarios da praia", di Juan Luis García, socorrista de Montalvo.
A súa presenza aquí e en diversos areais de Cangas ou O Grove obrigou a prohibir o baño e a extremar a precaución, na auga e tamén na area.
"Mellor non tocalas. Despois de mortas os restos de tentáculos seguen tendo capacidade tóxica, mellor afastarse", explica Alexandre Lima, tamén socorrista en Sanxenxo.
"Levamos tres días sen poder bañarnos son perigosas".
"Eu fago surf e estou moi pendente, se as vexo saio porque como che dean na cara ou na man creo que é horrible".
A súa picadura é dolorosa e urticante e o seu veleno perigoso, especialmente en nenos ou persoas alérxicas. Por iso os socorristas as retiran con paus e luvas, e aconséllannos como proceder en caso de picada...
"O primeiro é retirar os restos con pinzas ou unha tarxeta, nunca tocar coa man ou fregar a zona. Despois hai que lavar a lesión con auga salgada e aplicar calor local para aliviar", explica o socorrista de Sanxenxo.
E se a dor persiste, o mellor é acudir a urxencias. De feito, varios bañistas precisaron asistencia sanitaria este verán en Galicia despois de ser alcanzados polos tentáculos destas falsas medusas.