As medusas toman o porto da Coruña
Exemplares da Pelagia Noctiluca chegan á costa arrastradas por un cambio de correntes mariñas
É unha imaxe inédita no porto da Coruña.
"É espectacular", di unha curiosa.
Trátase dunha especie común nas augas do Atlántico e do Mediterráneo. A noctiluca puido chegar ata a costa tras un cambio nas correntes mariñas típico do outono.
"Houbo un cambio nas condicións hidrodinámicas, ventos de compoñente sur que acumulan auga oceánica contra a costa. Ao ter pouca capacidade de movemento, estes animais veñen arrastrados polas correntes", explica Joaquín Valencia, técnico do Instituto Oceanográfico da Coruña.
Foron moitos os curiosos que se achegaron ata o dique de abrigo atraídos pola concentración de especies que se acumularon nesta zona.
"É que hai moitas, e moi grandes. É demasiado", di unha curiosa.
Os expertos advirten da perigosidade deste tipo de medusa. E aconsellan afastarse delas en caso de atopalas na auga.
"Non son tan perigososas coma as carabelas portuguesas, pero provocan unha picadura dolorosa", aseguran desde o Oceanográfico.
Din no Oceanográfico na Coruña que a temperatura da auga do mar está dentro do que é normal para esta época do ano. E que o último avistamento deste tipo de especie na costa galega rexistrouse na primavera do ano pasado.