O PSOE destacou este venres o legado de Javier Lambán en Aragón tras o seu falecemento, subliñando que foi un socialista “fiel aos seus valores e principios ata o último dos seus días”. Nunha mensaxe publicada en X, o partido lembrou que gobernou pensando “en todos e todas”, e que o seu traballo continúa vivo na comunidade.
Morre o expresidente de Aragón Javier Lambán
O político aragonés levaba varios anos enfermo de cancro, amais doutras doenzas que deterioraran a súa saúde

O expresidente de Aragón, o socialista, Javier Lambán, faleceu este venres aos 67 anos.
O político aragonés levaba anos enfermo de cancro, amais doutras doenzas que deterioraran a súa saúde, e en xaneiro pasado renunciara ao seu cargo de senador e dera por finalizada a súa etapa política institucional.
O presidente do Goberno de Aragón, Jorge Azcón, lamentou profundamente o seu falecemento e o seu goberno decretou tres días de loito en toda a comunidade.
Javier Lambán deixa atrás unha longa traxectoria política marcada pola defensa do municipalismo, o aragonesismo e a súa independencia de criterio dentro do PSOE. Alcalde do seu pobo, presidente da Deputación Provincial de Zaragoza e presidente do Goberno de Aragón, chegou a este último cargo grazas a un pacto inédito entre PSOE, Chunta Aragonesista, Partido Aragonés e Podemos, fiel ao pragmatismo que caracterizou a súa carreira.
Nado en 1957, licenciado en Historia e doutor en 2014 cun estudo sobre a reforma agraria en Aragón, Lambán sempre vinculou a política ao territorio. Consideraba que o poder nacía en prazas, concellos e comarcas, e vía nos municipios a raíz da acción pública. En 2024 publicou as súas memorias, Una emoción política, nas que repasou desde a infancia ata o seu paso pola presidencia aragonesa, con capítulos dedicados á súa loita contra o cancro e a esclerose múltiple. Mesmo en tratamento de quimioterapia continuou traballando e acudindo a actos públicos, asegurando que procuraba “degustar máis e mellor a vida”.
Constitucionalista, socialdemócrata e defensor da Transición, amosou admiración por figuras como Manuel Azaña ou Pepe Mujica, a quen recibiu en 2015 na inauguración da Praza da Integración en La Puebla de Albortón. O seu firme rexeitamento ao independentismo e a defensa dos servizos públicos conviviron cunha relación tensa coa dirección federal do PSOE e con Pedro Sánchez, con quen discrepara sobre financiamento autonómico, lei de amnistía ou listas electorais.
Recoñecido polo seu humor irónico e o uso habitual de referencias culturais e históricas aragonesas, Lambán facía das citas e das personalidades da súa terra unha bandeira política. Na súa última etapa, a cultura e a memoria convertéronse en armas de reivindicación.
En xaneiro de 2025 anunciou a súa retirada e entregou a acta de senador, poñendo fin a máis de corenta anos de servizo público. O 10 de xullo participou no seu derradeiro acto institucional, a descuberta do seu retrato oficial no Goberno de Aragón, onde confesou que o PSOE lle doía “no máis profundo da alma”, pero Aragón lle “alegraba o corazón”. Alí deixou como legado a defensa dos servizos públicos e o papel que, ao seu xuízo, conquistou Aragón no mapa político e económico de España.
Feijóo defíneo como "un socialista coherente e un home de fiar"
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, lamentou este venres o falecemento do expresidente de Aragón Javier Lambán, a quen definiu como un “amigo”, un socialista “coherente” e un “home de fiar”.
Nunha mensaxe publicada na súa conta de X, Feijóo subliñou que Lambán foi un servidor público e asegurou que para el foi “unha gran sorte” que ambos coincidisen no exercicio da política, xa que os dous ocuparon a presidencia das súas respectivas comunidades autónomas.
“Discutimos, coincidimos e pactamos, pero o máis importante é que fomos amigos”, concluíu o líder popular no seu recoñecemento público ao político aragonés, falecido este venres na súa localidade natal, Ejea de los Caballeros.
O PSOE lémbrao como "un socialista fiel aos seus valores e principios ata o último dos seus días"
A portavoz do Goberno e sucesora de Lambán á fronte do PSOE de Aragón, Pilar Alegría, puxo en valor o “amor” que sentía pola terra da que foi presidente e o seu compromiso cos aragoneses. Pola súa parte, a presidenta do Congreso, Francina Armengol, trasladou o seu afecto á familia e amizades do expresidente, a quen definiu como un “servidor público exemplar, comprometido con Aragón e cos valores que compartimos”.