Rescatados os tripulantes do Mañón Un ao afundirse o seu barco á entrada da ría de Cedeira
Un deles precisou asistencia sanitaria

Os catro tripulantes do pesqueiro Mañón Un foron rescatados este martes tras o afundimento da súa embarcación na entrada da ría de Cedeira. O aviso chegou a Salvamento Marítimo ás 12:22 horas, cando a tripulación alertou por radio (VHF16) de que sufrían unha vía de auga e o barco se estaba afundindo.
Salvamento Marítimo activou de inmediato un operativo de rescate, instruíu os mariñeiros para que se puxesen os chalecos salvavidas e mobilizou a embarcación LS Percebiño da Cruz Vermella de Cedeira, entregada o día anterior. Tamén solicitou a colaboración do pesqueiro Bedía, que se atopaba a media milla da zona.
Ao chegar á área do naufraxio, a tripulación do Bedía confirmou que o Mañón Un se afundira por completo e que os catro mariñeiros foran rescatados pola lancha da Cruz Vermella. O helicóptero Helimer 402, que fora mobilizado, quedou finalmente desactivado tras confirmarse o rescate.
A LS Percebiño trasladou os tripulantes a porto, onde unha ambulancia asistiu un dos mariñeiros. Unha vez completada a operación, a lancha da Cruz Vermella regresou á zona do afundimento, situada a uns 36 metros de profundidade, para intentar recuperar restos da embarcación. Está previsto que as tarefas de recoñecemento continúen durante a tarde.
Pesquero "Mañón Un" hundido en la entrada de la ría de Cedeira. CCS A Coruña moviliza la embarcación LS Percebiño @CruzRojaCoruna , Helimer 402 y pesquero Bedía. Los 4 tripulantes rescatados por la Percebiño y trasladados a Cedeira. Uno ha tenido que ser atendido por servicios… pic.twitter.com/1kfH0ZcT19
— SALVAMENTO MARÍTIMO (@salvamentogob) August 19, 2025