Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Garda Civil analiza a aparición dun artefacto incendiario en Laza

A Garda Civil analiza a aparición dun artefacto incendiario en Laza

Un operario do servizo de extinción en Oímbra tivo que ser evacuado ao Hospital de Verín por inhalación de fume

G24.gal 19/08/2025 15:12 Última actualización 19/08/2025 16:03

Calma tensa en Oímbra cando fai xa unha semana que prendeu lume. O vento non axuda, e o traballo sobre o terreo non cesa. Son xa, segundo as últimas estimacións, 15.000 hectáreas queimadas. Os veciños de Busés respiran despois doutra noite en alerta. Toda man é pouca, e os veciños saen ao monte para facer cortalumes. O perigo segue porque se reavivan as lapas, que xa cruzaron a fronteira con Portugal polo concello de Vilar de Perdizes.

As lapas chegaron a Castrelo do Val, o único concello de Monterrei que estaba libre de incendios. Os medios aéreos frearon o lume, que quedou a poucos metros das casas en Nocedo do Val e dous barrios tiveron que ser desaloxados. Cansazo e moita indignación en Laza tras atopar un artefacto incendiario no monte que a Garda Civil está a investigar.

O alcalde de Laza, Moncho Barreal, explica que "foi por certas sospeitas dos veciños, vimos reactivacións de incendios, incendios que aparecían de novo e estabamos co comentario de sempre, son as muxicas, as follas dos eucaliptos. Pero non había eucaliptos nin era unha hora que o vento tirara para o sur e apareceunos un lume doutro lado. A casualidade foi que cando fomos despois facer un repaso dun lume que se extinguira atopamos un artefacto preparado para provocar un lume, non hai dúbida ningunha".

Os medios de extinción non dan abasto, nunhas tarefas en que participan ata 135 brigadas, 33 avións e 18 helicópteros. Fundamental o traballo da Unidade Militar de Emerxencia, con queimas controladas para definir o perímetro e deter o avance da fronte de lapas que ameazaba Soutelo Verde. Un operario do servizo de extinción en Oímbra tivo que ser evacuado ao Hospital de Verín por inhalación de fume.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade