Publicador de contidos

Publicador de contidos

Afúndese un barco na Costa da Vela, en Cangas, sen vítimas

Afúndese un barco na Costa da Vela, en Cangas, sen vítimas

Os tres tripulantes conseguiron saltar polo seu propio pé ás rochas sans e salvos

O barco embarrancou nunha zona de rochas que abriron varias vías de auga 

G24.gal 10/07/2025 14:37

O Atila, un pesqueiro con base en Cangas, quedaba sen goberno na Costa da Vela, preto da praia de Melide. Embarrancou e os seus tres tripulantes conseguiron saltar a terra. Entre as hipóteses do sinistro está a posibilidade de que a hélice se enganchase nalgún aparello. Foi necesaria a intervención dunha empresa especializada para reflotalo.

Miguel Lemat, xefe equipo da empresa UTM encargada da reflotación, explica que tiveron que "liberar dúas áncoras que o armador tirou pola borda para evitar que o barco fora máis contra as pedras e aumentase o dano. Liberamos o aparello que estaba arredor e os cabos que estaban liados na hélice".

A proximidade ás rochas permitiu que os tripulantes saltasen polo seu propio pé a terra, pero causou importantes danos no barco. Lemat detalla que "é unha zona de pedras, con laxas como coitelos, e o barco estaba totalmente afundido, tiña moitas vías de auga. Procedemos con boias e globos de elevación a darlle flotabilidade ao barco para retiralo das pedras". 

Ata o lugar desprazáronse efectivos de Salvamento Marítimo, da Garda Civil e de Protección Civil, que non tiveron que intervir ao comprobar que todos os mariñeiros estaban ben. O Atila permanece no varadoiro do porto de Cangas á espera das inspeccións pertinentes e a reparación posterior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade