O incendio de Porto de Seabra ameaza a fraga máis antiga de Galicia en Pena Trevinca
As lapas alcanzaron xa a Lagoa da Serpe e avanzan cara ao Teixadal de Casaio
Medio Rural confirma máis de 20 hectáreas calcinadas, aínda pendentes dunha nova estimación
A situación mellorou nas últimas horas con menos reactivacións e a estabilización de dous incendios
Pena Trevinca non se libra das lapas. O incendio que se orixinou en Pobra de Seabra, en Zamora, entrou na parte galega de este espazo natural protexido do concello da Veiga, un espazo natural que acolle a fraga máis antiga de Galicia. Un veciño explica que está todo ardido arredor da Lagoa da Serpe e que o incendio avanza sen control.
A Consellería do Medio Rural informou este martes de que o incendio, situado no municipio da Veiga, parroquia de Ponte, supera xa as 20 hectáreas, aínda que permanece pendente dunha nova estimación de superficie. No operativo de extinción traballan medios aéreos, aínda que non se precisou que zonas foron afectadas.
Ameaza sobre un espazo único do macizo Galaico-Leonés
Os montes de Pena Trevinca, que ocupan case 25.000 hectáreas, forman parte da Rede Natura 2000 e chegan a superar os 2.000 metros de altitude, con lagoas glaciares como O Celo ou a Lagoa da Serpe. Nesta área atópase o Teixadal de Casaio, un dos maiores bosques de teixos de Europa, con máis de 300 exemplares centenarios e mesmo algún milenario.
O guía de montaña de Terras Altas de Trevinca, Juanjo Lorenzo, advertiu xa hai dous días nas redes sociais que o lume alcanzara a Lagoa da Serpe e avanzaba cara ao Teixadal. Subliñou que comprendía que os medios se priorizasen en salvar aldeas, persoas e gando, mais considerou que ambientalmente o suceso supón un desastre.
Preocupación pola falta de medios
Os guías de Terras Altas de Trevinca estiman que máis de 3.000 hectáreas foron xa arrasadas na zona galega. Pola súa parte, Pedro, responsable do albergue Ecos dos Teixos, advertiu o luns de que o incendio baixaba polas abas cara ao Teixadal, que tamén conserva antigos refuxios da guerrilla antifranquista. Expresou a súa confianza en que a fraga consiga resistir, aínda que lamentou a escaseza de medios despregados.
Incendio A Gudiña
Na Gudiña parecía que pouco quedaba por queimar cando o lume veu de volta procedente de Viana do Bolo. O alcalde, Néstor Ogando di que a virulencia das lapas traspasou en pouco tempo un cortalumes de 30 metros de ancho que acababan de facer.
Brigadistas da Xunta e do Ministerio de Transición Ecolóxica traballaron cos veciños para protexer dúas aldeas e unha gasolineira. Tamén bombeiros voluntarios chegados da Coruña e de fóra de Galicia.
"Viñamos en principio para protexer aldeas, casas e estructuras, pero nada máis chegar foi necesario ir traballar ao monte. Pero xa sabiamos que podía pasar", explica o xefe da dotación de bombeiros de Málaga desprazada en Galicia.
Os efectivos da UME traballaron nas últimas horas entres outros puntos en Abedes, no concello de Verín e en Gondulfes, en Castrelo de Val.
Incendios Maceda e Vilardevós
A situación mostrou unha lixeira melloria que permitiu estabilizar o incendio de Maceda e un dos de Vilardevós. Pero neste último concello seguen activos o de Vilardecervos e o de Moialde.