Desarticulan unha organización de tráfico de drogas en Vigo e Gondomar
A policía detén tres persoas e intervén máis de medio quilo de heroína
O operativo inclúe dous rexistros simultáneos nun hostal de Vigo e nunha vivenda de Gondomar
A Policía Nacional desarticulou en Vigo e Gondomar unha organización dedicada ao tráfico de drogas.
Os axentes detiveron tres persoas, entre elas o responsable da trama, nun operativo no que interviu máis de medio quilogramo de heroína, 40 gramos de haxix, 20 gramos de marihuana e máis de 4.000 euros en efectivo.
A investigación arrincou en abril, cando a Udyco detectou un punto negro no barrio vigués das Travesas desde onde se distribuían cocaína, heroína e marihuana polo miúdo.
Os axentes identificaron o home que atendía ese punto de venda. Distribuía as drogas desde a súa habitación nun hostal e abastecíase dun provedor que operaba desde unha vivenda unifamiliar en Gondomar.
Os investigadores executaron este xoves dous rexistros simultáneos. Na habitación do hostal detiveron o encargado das vendas polo miúdo e incautaron tres gramos de heroína, 40 gramos de haxix, 230 euros, unha báscula de precisión e útiles para preparar doses individuais.
Na vivenda de Gondomar, a parella do provedor tentou impedir o acceso dos axentes mentres el lanzaba pola xanela un paquete con medio quilo de heroína. A policía tamén interviu 20 gramos de marihuana, arredor de 4.000 euros, cafeína para o corte, básculas de precisión, tres cartuchos de 9 mm, un machete e un patinete eléctrico.
As tres persoas detidas pasaron este venres a disposición xudicial.