As coroas de advento chegan ás florerías
Un ornamento elaborado con gallas verdes de piñeiro ou ciprés que anuncia a chegada do Nadal
Concibidas para instalar na porta da vivenda, ou como centro de mesa, as coroas de advento decoran os fogares polo Nadal.
"Unha destas así pequena custa 20 euros, con base natural", explícanos Sara Osorio, florista do barrio ourensán do Couto que elabora as coroas artesanalmente e con base natural: "Vaise poñendo de maneira que vaia tapando a rosca, atando para que quede ben posta. Unha rosca pequena tardaría dúas horas máis ou menos".
Trátase dun símbolo relixioso, que se complementa con candeas de cores, unha por cada semana do advento, o tempo previo ao Nadal.
"Son catro candeas. A rosada significa alegría, a morada significa fe, a branca esperanza, paz... Amor no fogar, a familia... O círculo é o amor infinito que nos ten Deus a todos", detalla Sara.
O proceso de elaboración remata coa decoración da coroa, que inclúe motivos típicos do Nadal.