As rosas vermellas non fallan no Día dos Namorados
As vendas das florerías aumentan un 300% pola celebración de San Valentín
San Valentín é un dos días máis importantes do ano para as florerías. Nesta, situada na avenida Fisterra da Coruña, xa tiñan preparadas antes da apertura medio cento de encargas; coma sempre, moitas rosas vermellas e nesta ocasión, tamén bastantes tulipáns, para celebrar o amor en todas as súas formas.
"Entendemos que ademais do amor romántico hai moitos outros tipos de amor. Podes agasallar á túa nai, a un fillo... De feito estes días tivemos de todo", conta Iván Saldoval, un dos floristas da Lonxa das Flores.
Aquí anímannos agasallar flores e tamén libros. Estes días, a florería ten á venda unha selección de obras da librería de referencia do barrio, onde a orde dos factores non altera o produto e nos convidan a regalar libros e tamén flores.
"O libro podes lelo aos poucos, é un agasallo que queda permanente e que mesmo pode levar unha dedicatoria. Así que que mellor que un libro para o San Valentín?", pregúntase Jua Rodríguez, da librería Galgo Azul.
Non é doado abstraerse a este día. San Valentín salpica de corazóns e pinta de vermello os escaparates. Aínda que hai quen o consideran uha cita meramente comercial, para moitas persoas San Valentín segue sendo un día que merece ser celebrado.
"É o día dos namorados e hai que gozalo. Ela méreceo porque é boa comigo, así que a darlle agarimo", comenta un mozo que pasea coa súa parella.
O das amizades, o da familia, o da parella. Que non falte o amor.