Publicador de contidos

Publicador de contidos

Luís Insua (PP), novo alcalde de Fisterra, ao prosperar a moción de censura

Luís Insua (PP), novo alcalde de Fisterra, ao prosperar a moción de censura

O popular Luís Insua logrou a maioría absoluta do pleno municipal

O novo alcalde de Fisterra, Luis Insua, co bastón de mando (EFE/ Moncho Fuentes)
G24.gal 19/08/2025 13:02

O popular Luís Insua foi elixido novo alcalde da localidade coruñesa de Fisterra, ao prosperar a moción de censura contra a rexedora Áurea Domínguez Sisto (Alternativa dos Veciños) impulsada polo PP e que contou co apoio do edil díscolo do partido de goberno, Francisco Martínez Traba.

Insua logrou a maioría absoluta do pleno municipal, cumprindo así os requisitos establecidos na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), conforme á sentenza do Tribunal Constitucional que eliminou a directriz que impedía unha iniciativa deste tipo se dependía do voto dun tránsfuga.

A sesión, que se celebrou nun salón do Mercado Cultural do municipio, comezou coas palabras do candidato á alcaldía, que defendeu que esta moción non é "un acto de desquite", á vez que asegurou que dela sairá "un goberno forte e sensato" despois dun mandato "inestable e complicado".

Segundo el, a Alcaldía, ata o de agora, respondía a "un cambio de cromos en Fisterra e Bergondo" para que alí continuase o PSdeG.

A continuación, a ata o de agora alcaldesa sinalou que o Grupo Popular "non deu explicación da motivación nin fixo público o pacto que fixeron co díscolo", dando a entender, na súa opinión, "que se trata dun escuro pacto" con intereses "particulares e espurios".

"Conveniencias, para un e para os outros, que nada teñen que ver coa xestión que o equipo de goberno estaba a realizar a favor de Fisterra", reivindicou Áurea Domínguez.

"Queren conseguir o que saben que non poden conseguir da vontade do pobo, se non, esperarían a que as urnas decidisen", agregou.

O portavoz do PSdeG e alcalde entre 2015 e 2023, José Marcote, sostivo que a iniciativa é unha mala noticia por darlle o poder á dereita, pero que xa advertiu antes das últimas eleccións que a candidatura de Alternativa dos Veciños "levaba un virus dentro".

"Agora apoia unha moción de censura coa dereita, supoño que o próximo será facer unha candidatura de Vox", ironizou.

Tereixa Fernández, do BNG, defendeu que "moral, ética e politicamente non se dan as circunstancias" para este cambio na Alcaldía, que cre que é un retroceso para o municipio.

O PP gobernou entre 2002 e 2015, cando perdeu a maioría

Os populares tiveron a Alcaldía de Fisterra de forma ininterrompida entre 2002 e 2015, con José Manuel Traba, ata que perderon a maioría absoluta e o cargo pasou ao PSdeG, con José Marcote, en coalición co BNG, durante oito anos.

Nas últimas eleccións locais, en 2023, a forza máis votada no bloque da esquerda foi Alternativa dos Veciños.

Completaron os votos necesarios o novo rexedor, Luís Insua, e os seus compañeiros de grupo municipal: José Manuel Traba, Susana Rodríguez, Manuel Canosa e Jenifer Suárez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade