Trump dálle 48 horas a Irán para pechar un acordo ou "desatará o inferno"
O mandatario estendeu hai uns días o ultimato para que Irán reabra o estreito de Ormuz ata o 6 de abril
Os Estados Unidos buscan un soldado en Irán co cesamento do fogo en "punto morto"
Trump na Casa Branca o pasado 1 de abril. Alex Brandon/Pool vía REUTERS
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, advertiulle este sábado a Irán que lle quedan 48 horas para chegar a un acordo ou pola contra atacará as súas plantas enerxéticas.
"Lembran cando lle dei a Irán dez días para chegar a un acordo ou abrir o estreito de Ormuz? Acábase o tempo: quedan 48 horas para que se desate o inferno sobre eles. Gloria a Deus!", escribiu Trump na súa rede Truth Social.
O mandatario volveu estendeu hai uns días o ultimato para que Irán reabra o estreito de Ormuz, polo que circula a quinta parte do petróleo mundial, ata o 6 de abril.
O prazo inicial vencía o 23 de marzo e o segundo o 27 do mesmo mes. Esta última mensaxe suxire unha data definitiva pero, co magante republicano, nunca se sabe.
Un cargueiro preto do estreto de Ormuz nunha foto de arquivo. REUTERS
Nun chío publicado este venres, Trump aseguraba que cun "pouco máis de tempo", poderían lograr "doadamente" a reapertura do paso.
"Cun pouco máis de tempo, poderiamos abrir doadamente o estreito de Ormuz, facernos co petróleo e amasar unha fortuna. Sería unha 'mina de ouro' para o mundo?", afirmou.
O peche do estreito de Ormuz é unha das consecuencias máis desestabilizadoras derivadas da guerra en Oriente Próximo, iniciada o pasado 28 de febreiro tras os bombardeos dos EUA e Israel contra Teherán.
O presidente dos EUA dirixiuse á nación este mércores dende a Casa Branca sen informar de detalles concretos para poñer fin á guerra, nin dunha estratexia para reanudar a circulación en Ormuz.
Como moi tarde o vindeiro luns, 6 de abril, ás 20:00 horas de Washington despexaranse as dúbidas.