Os EUA buscan un soldado en Irán co cesamento do fogo en "punto morto"
O grupo xiíta Hezbollah chama á mobilización para evitar a ocupación israelí do sur do Líbano
Trump propón aumentar o gasto en defensa e chegar aos 1,5 billóns de dólares o vindeiro ano
Reabastecemento dun E-3 en pleno voo. Forza aérea dos EUA vía REUTERS
Continúa a busca do soldado estadounidense desaparecido tras a derriba dun caza F-15 en Irán. O seu compañeiro foi localizado. É o primeiro avión de combate abatido en territorio persa dende o inicio da guerra o pasado 28 de febreiro.
Case ao mesmo tempo, un segundo avión militar, un A-10 Warthog, estrelouse preto do estreito de Ormuz. O único tripulante desa nave foi rescatado con vida.
Nin o Pentágono nin o Comando Central (Centcom) dos Estados Unidos aportaron maior información sobre ambos os dous incidentes.
Donald Trump tamén mantivo o hermetismo e nunha entrevista coa NBC News negou que afecten ás negociación entre Washington e Teherán.
Porén, os esforzos de alcanzar un cesamento do fogo, coa intermediación de Paquistán, atópanse nun "punto morto", segundo informan os mediadores a The Wall Street Journal.
Aseguran que Irán non está disposto a reunirse con funcionarios estadounidenses en Islamabad nos próximos días e que as esixencias dos Estados Unidos "son inaceptables".
Un F-15. Forza aérea dos EUA vía REUTERS
Hezbollah contra a ocupación israelí
A rama política do grupo xiíta Hezbollah alertou da "grave" ameaza que supón o plan israelí de ocupar o sur do Líbano e chamou o Estado e outros actores libaneses á mobilización para axudar a contela.
Ocorre despois de que o Estado hebreo confirmara esta semana as súas intencións de controlar a franxa libanesa que vai desde a fronteira de facto entre ambos os dous países ata o río Litani, o que representa o 8% do territorio.
Persoas desprazadas polo conflito en Beirut. REUTERS/Mohamed Azakir
Ataques de Irán
Mentres, Irán continúa cos seus ataques en territorio isaraelí. Esta madrugada, un home de 79 anos quedou ferido no centro do país.
"Foi alcanzado polo impacto de restos que trasladou a onda expansiva dun mísil con munición de acio en Kiryat Ata, preto de Haifa", informa o servizo de emerxencia Magen David Adom (MDA).
Trump co seu gabinete na Casa Branca. REUTERS/Kevin Lamarque/Arquivo
Aumentar o gasto en Defensa
Donald Trump propuxo este venres aumentar o gasto en defensa para o próximo ano fiscal ata chegar á cifra récord de 1,5 billóns de dólares, a cambio de recortar en programas sociais.
A proposta orzamentaria presentada pola Casa Branca xerou rexeitamento mesmo entre lexisladores do partido no poder.
O senador republicano John Curtis adiantou que non aprobará fondos adicionais destinados á operación militar en Irán sen que o Lexislativo avalíe unha declaración de guerra.
Baixas estadounidenses
O Pentágono revelou detalles da operación Furia Épica contra Irán que se salda ata hoxe con 365 militares estadounidenses feridos e 13 falecidos, ademáis das persoas que ían a bordo dos avións sinistrados.