O PSOE ábrese a unha moción de censura contra o PP en Cabanas
Candidatura Veciñal de Cabanas, cun concelleiro, convidou os tres edís do PSOE e os dous do BNG a concretar unha alternativa ao PP, que goberna con cinco
O PSOE de Cabanas fixo este mércores un chamamento "ao diálogo para un cambio político que poña fin ao bloqueo do Concello" tras a proposta de Candidatura Veciñal de Cabanas, comunicada este luns, para favorecer unha moción de censura contra o Goberno local, que lidera sen maioría absoluta o PP.
O consistorio, con Fernando Couce (PP) como alcalde, conta con cinco edís do PP, tres do PSOE, dous do BNG e un de Candidatura Veciñal de Cabanas, que convidou socialistas e nacionalistas a concretar unha alternativa ao actual Executivo local.
Nunha nota de prensa, o PSOE cabanés afirmou que cando a veciñanza vota pola súa lista, "sabe que eses votos nunca irán facilitar un Goberno do PP" e sinalou que as forzas "progresistas" poden facer "posible un cambio político que poña fin á situación de parálise na xestión en que se atopa o municipio".
Segundo a formación, a localidade "leva tempo sufrindo as consecuencias dun Goberno do PP en minoría incapaz de dar solución a ningún dos grandes problemas que afectan á veciñanza; falamos dun concello paralizado, sen proxecto de futuro, que liquidou o superávit económico que deixamos en 2023".
Por iso, mostrou a súa disposición para "facilitar alternativas de Goberno progresistas alí onde sexa posible" e avogou por "propiciar un cambio político e liderar unha maioría alternativa que permita formar un Goberno estable e útil para o municipio".
Para os seus integrantes existe unha "oportunidade para terminar co bloqueo actual; a cidadanía non entendería unha negativa baseada en intereses persoais ou partidistas", en referencia á "postura expresada polo BNG", que mostrou a súa cautela e exhortou a concretar medidas que sustenten a nova etapa do consistorio.