Publicador de contidos

Publicador de contidos

Estrasburgo avala a prisión provisional imposta a Junqueras, Turull e Sánchez polo 'procés'

Estrasburgo avala a prisión provisional imposta a Junqueras, Turull e Sánchez polo 'procés'

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos confirma a resolución do pasado novembro na que xa se rexeitaba a demanda dos políticos independentistas 

Considera que o Supremo non vulnerou os seus dereitos 

Xuízo aos líderes independentistas Xuízo aos líderes independentistas
G24.gal 23/03/2026 20:57

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), con sede en Estrasburgo, desestimou este luns o recurso presentado polos líderes independentistas cataláns Oriol Junqueras, Jordi Turull e Jordi Sánchez para elevar á Gran Sala a súa demanda pola súa detención preventiva durante o 'procés', confirmaron a EFE fontes da corte.

Unha decisión que deixa en vía morta esta denuncia presentada polos tres líderes independentistas contra a orde da xustiza española de poñelos en prisión preventiva nos días seguintes ao referendo celebrado o 1 de outubro de 2017.

O Colexio da Gran Sala, formado por cinco xuíces e encargado de determinar que casos chegan á máxima instancia do TEDH, considerou que non hai motivos para elevar esa causa.

A sala xa rexeitara o pasado 6 de novembro a demanda dos denunciantes ao considerar que non se vulneraran ningún dos seus dereitos durante o tempo que pasaron en prisión provisional.

En concreto, Jordi Sánchez, entón presidente da Asemblea Nacional Catalá (ANC) foi detido o 16 de outubro de 2017, mentres que Jordi Turull, conseller da Generalitat, e Junqueras, número dous do Executivo autonómico de Cataluña foron arrestados o 2 de novembro daquel mesmo ano.

A xustiza española non cometeu ningunha ilegalidade, segundo o TEDH

Na súa demanda ante o Tribunal de Estrasburgo argumentaban que aquela privación de liberdade lesionaba os seus dereitos políticos, xa que lles impediu facer campaña nas autonómicas do 21 de decembro de 2017 e, posteriormente, acudir ás sesións do Parlament ao que foron elixidos.

Na súa sentenza do 6 de novembro, adoptada por unanimidade, o TEDH concluíu que non houbo "ilegalidade ou arbitrariedade" nas decisións da xustiza española e estableceu que os tres líderes independentistas eran "obxecto de procesamentos penais por delitos graves", polo que non se podía "razoablemente esperar que puidesen participar nas eleccións sen ningunha restrición".

Considerou que a xustiza española ponderou os diversos intereses en xogo dunha maneira que non podía cualificarse de arbitraria, e sen interferir coa libre expresión da opinión pública e que tratou de manter a equidade parlamentaria malia a súa estancia no cárcere.

Ao tempo, estableceu que un Estado debe poder impedir a realización "dun proxecto político, incompatible coas normas da Convención (Europea de Dereitos Humanos), antes de que sexa posto en práctica por actos concretos que comprometan a paz civil e o réxime democrático do país".

Turull denunciaba, así mesmo, que o seu ingreso en prisión impediulle ser investido presidente do Goberno da Generalitat de Cataluña.

O exconseller foi liberado o 4 de decembro e volto poñer en arresto provisional o 23 de marzo de 2018, un día despois de que en primeira votación non obtivese a maioría absoluta necesaria para ser investido e un día antes de que se celebrase unha segunda votación, á que non puido xa asistir por atopase encarcerado.

Estrasburgo indicou que as probas presentadas non apoiaban a conclusión de que a segunda orde de prisión preventiva ditase contra el fose arbitraria co único fin de impedirlle ser investido, á vez que rexeitou que o prazo de resolución do seu recurso de amparo vulnerase os seus dereitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade