Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un proxecto de rexeneración da ostra plana en Barallobre

Un proxecto de rexeneración da ostra plana en Barallobre

Instalan estruturas con semente de ostra na zona intermareal para que medre protexida 

A previsión é que dentro de oito meses poidan levar a ostra aos bancos marisqueiros

G24.gal 02/08/2025 14:35

A confraría de Barallobre acaba de poñer en marcha un proxecto para recuperar a ostra plana para os seus bancos marisqueiros.

Instalaron na zona intermareal unha estrutura de malla onde colocan a semente do marisco. Cando estea medrada incorporarase ao seu medio natural.

As chuvias de outubro e novembro do ano 2023 mataron boa parte do marisco do que vivía a confraría Santiago Apóstolo de Barallobre. Desde entón, a necesidade de recuperar o banco salvaxe de ostra plana levou aos técnicos a investigar como rexeneralo de xeito eficiente. 

"Estivemos vendo en distintos países como traballaban e decidimos poñer unhas mesas de 50 cm de alto por un metro de ancho por tres de longo. Póñense na zona intermareal e enriba póñense uns 'pochóns', que son como sacos de malla. Dentro métese a semente que ti queiras que vaia crecendo. Nós pensabamos poñer ostra e zamburiña pero desta última non conseguimos semente. 
En cada 'pochón' colócanse arredor de 200. Cada quince días temos que limpalo porque pode haber algas e depredadores, e ademais cada mes abrímolos para mirar a mortalidade que hai", asegura Jorge López Pena, patrón maior da confraría de Barallobre.

A semente de ostras irá medrando ao longo de 8 meses, ata que dean unha medida de entre 40 e 50 milímetros. Tendo en conta a mortalidade que pode haber, contan con sacar máis de 150 quilos para repoboar. 

"Aquí imos depender do clima, da auga, salinidade, calor. Esperemos que cando cheguen aos catro ou cinco centímetros poidamos repoboar con ela os nosos bancos marisqueiros. Para que así o marisqueo todo poida extraer este recurso e volva á nosa lonxa", explica López

O proxecto, que é innovador nesta confraría, está pensado a medio prazo, cunha estimación de ano e medio ata a recolección do marisco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade