Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece unha mariscadora en Porto do Son tras ser arrastrada por un golpe de mar

Falece unha mariscadora en Porto do Son tras ser arrastrada por un golpe de mar

Pescadores que se atopaban pola zona conseguiron sacala da auga e trasladala nunha planadora a porto para que recibise asistencia médica, pero a muller, de 54 anos, xa falecera

G24.gal 31/03/2026 10:53 Última actualización 31/03/2026 14:28

Unha percebeira que traballaba na extracción do molusco entre o Castro de Baroña e o Farito, en Porto do Son, faleceu na mañá deste martes por un golpe de mar.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o suceso tivo lugar minutos antes das dez da mañá.  A vítima, de 54 anos, era unha percebeira experimentada, igual que o seu home. Os primeiros en avistar o seu corpo na auga foron uns bateeiros que estaban en terra apañando mexilla. Estes avisaron o patrón maior da confraría de Porto do Son, que andaba pola zona. "Fixéronnos acenos cos brazos, en sinal que de que pasara algo", comentounos Emilio Queiruga

Malia a rapidez coa que reaccionaron,  chegaron demasiado tarde. Moitos dos recursos activados para o seu rescate foron, finalmente, anulados, xa que nada podía facerse para salvarlle a vida.

Con todo, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron a todos os organismos competentes, como Salvamento Marítimo, Servizo de Gardacostas de Galicia, Garda Civil, Policía Local e Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

"O meu fillo botouse á auga e logramos subila a bordo. Fíxenlle o boca a boca, pero non reaccionou. Desde o 112 insistiron en que seguise coas manobras, e así o fixen, pero non puidemos reanimala. Quédame unha sensación de impotencia", concluía o patrón maior.

O cadáver da muller foi trasladado ata o porto, onde os sanitarios do 061 certificaron o seu falecemento. Ata o lugar tamén se trasladou o xuíz, que finalmente ordenou o levantamento do corpo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade