Bota a andar o festival dos Colados no corazón da Ribeira Sacra
Viño, música e paisaxe conviven na aldea de Bolmente, no concello de Sober
Celébrase nun enclave singular con vistas ao canón do Sil
A primeira experiencia é unha toma de contacto co espazo. Dúas rutas conducen os asistentes pola paisaxe do canón do Sil na ladeira máis abrupta onde, debido á dificultade do terreo, só sobrevive unha adega.
"Ten unha pendente que é a máxima das que se teñen analizado na Ribeira Sacra. Aquí subimos 460 metros en 1,2 quilómetros", asegura Xesús Verao, guía da ruta da adega Cividade.
Ao festival puxéronlle de nome Colados, unha das singularidades da zona.
"Chamámoslle festival dos Colados porque é onde chegaban os nosos ancestros cos carros, coas vacas. Aparcaban alí e despois baixaban ata os viñedos", explica Cristina Rodríguez, coorganizadora do festival.
Pola tarde hai festival, con varios grupos, pero a música está presente todo o día, acompañando as adegas que expoñen os seus viños.
Roberto Pérez, adegueiro: "Os godellos son moi ricos, afroitados, moi aromáticos. E os tintos tamén son suaves ao nariz. Un viño perfecto para unha boa costeleta".
É a primeira edición dunha cita que aspiran a consolidar no tempo xunto con outras iniciativas.
"Empezamos a xuntarnos os emprendedores da zona pensando en desestacionalizar o turismo e facer cousas que promovesen a cultura e as tradicións da zona", conta Noelia Rodríguez, coorganizadora do festival.
Gastronomía, talleres para os cativos e catas variadas completan a oferta para redondear a xornada de festa.