O auxe do 'glamping' ou acampada de luxo en Galicia
O turismo de experiencias, como o astroturismo, aumenta favorecido polos selos Starligth
Sete comarcas e concellos galegos posúen esta certificación que garante ceos escuros e escasa contaminación lumínica
O glamping é a variante luxosa da acampada e naceu para satisfacer a quen desexa conectar ao máximo coa natureza sen renunciar ás comodidades dun aloxamento tradicional. Unha opción que se asocia con sostibilidade e co turismo responsable.
Esta opción está en pleno auxe en Galicia e como resposta a esta demanda naceron establecementos coma as burbullas astronómicas en Oleiros ou outros na zona da Costa da Morte coma Espazo Nature en Carballo.
Os glampings son un dos destinos Starligth de Galicia, visitados polos amantes da astronomía como Eduardo Guillén, responsable do aloxamento e monitor astronómico.
"Hai quen vén cos rapaces para vivir esa primeira experiencia de desfrutar no campo dunha noite estrelada baixo o firmamento e os apaixonados da astronomía que buscan efemérides concretas e os apaixonados da noite que buscan nas estrelas un momento de reflexión ou romántico", comentou.
A vocación pola astronomía e os ceos escuros, xunto á concienciación de evitar a contaminación lumíníca para desfrutalos, trasládanse aos clientes e toda a súa iluminación é indirecta.
Hasta sete comarcas e concellos galegos gozan da certificación Starligth. O glamping facilita un sono confortable, sostible e respectuoso co medio e co firmamento, favorecendo o turismo de experiencias do que nos fala a directora de experiencia de Espazo Nature, Ana Vázquez.
"Buscamos a experiencia de mergullarte, fundirte co mar e coa natureza, espertar cos paxariños, sentir as ondas do mar, ler un libro e desconectar, ir facer surf, desfrutar a gastronomía. E recibimos todo tipo de perfís: parellas novas e non tanto, con ou sen nenos, grupos de amigos, xente soa con mascota", explicou.
Segundo Ana, o glamping é para quen busca inmersión total na natureza e desfrute da contorna e para todo aquel que queira esperar os sentidos e vivir sensacións puras deste tipo de acampada.