Confirman as condenas de prisión para a banda que intentou introducir 3,2 toneladas de cocaína en Galicia
Confirman as condenas de prisión para a banda que intentou introducir 3,2 toneladas de cocaína en Galicia
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou as penas impostas aos 8 membros da organización que trataron de descargar cocaína pola ría de Arousa en 2020, durante o confinamento
Carlos Silla, considerado o líder da banda, está condenado a 15 anos de cadea
A sentenza non é firme, cabe recurso ante o Tribunal Supremo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou as penas de cárcere impostas ás oito persoas da organización liderada por Carlos Silla que, en marzo de 2020, tentaron introducir 3,2 toneladas de cocaína pola ría de Arousa en varias embarcacións.
A Sala o Civil e Penal do TSXG avala así a sentenza de quince anos de prisión ditada pola Audiencia de Pontevedra contra Silla, considerado como o xefe desta organización dedicada ao tráfico de drogas.
Ademais, os maxistrados ratificaron tamén as penas de entre dez anos e medio e tres anos e catro meses que o tribunal impuxo aos outros sete membros do grupo. O alto tribunal galego reduce, con todo, a multa á que foi condenado o líder deste grupo, que pasa de 720 a 360 millóns de euros, mantendo as que deberán pagar o resto de condenados, entre 90 e 600 millóns de euros cada un.
O TSXG considera acreditado que, aproveitando o confinamento pola covid-19, os investigados trasladaron en plena madrugada a cocaína que levaban nun veleiro, o 'Benirrás', a dúas planadoras "para asegurarse a introdución da cocaína en terra". Os seus plans foron frustrados polos axentes policiais que os estaban vixiando.
Durante a operación, incautouse un cargamento de 3.200 quilogramos de cocaína, droga que alcanzaría no mercado un prezo superior aos 127 millóns de euros. Os xuíces aprecian na súa sentenza que estes feitos "van máis aló dun acordo conxuntural" para realizar unha operación destas características.
Conclúen que os oito condenados "combinaron vontades" para dedicarse "unha e outra vez" ao tráfico de drogas, polo que ademais de por un delito contra a saúde pública o TSXG confirma a súa condena por un delito de pertenza a organización criminal.
A sentenza non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo.