A expedición francesa localiza fugas nalgúns bidóns radioactivos; levan atopados xa 3.350
As fugas poderían ser de alcatrán, e as mostras recollidas non detectan unha radiación superior á considerada normal

A expedición francesa Nossum informou este venres de que tras concluír a súa misión localizaron un total de 3.350 bidóns radioactivos na Foxa Atlántica, fronte ás costas galegas, e deu conta dalgunhas fugas, "probablemente de alcatrán", aínda que non hai lecturas de radiación excesiva.
A expedición, que contou con 20 científicos franceses, noruegueses, alemáns e canadenses, empregou o robot submarino Ulyx para fotografar os bidóns, situados a máis de 4.000 metros de profundidade, explica a misión nunha nota de prensa.
As imaxes dos bidóns permitiron realizar unha avaliación "preliminar e incompleta" que permite concluír que os bidóns están nun "estado de conservación variable, con superficies corroídas e colonización por anemones", agrega a misión. Tamén detectaron fisuras abertas nos bidóns e fugas de material "visibles" nalgúns deles, "de natureza descoñecida, probablemente alcatrán".
Países como Francia, o Reino Unido, Suíza, Alemaña ou os Países Baixos descargaron estes refugallos radioactivos na Foxa Atlántica, en augas internacionais, desde a década de 1940 e máis aló da prohibición formal destas verteduras, que data de 1993. Estes bidóns lanzados ao mar con restos contaminados eran enchidos con cemento ou alcatrán.
Sen radiación fóra do común
A misión tomou 345 mostras de sedimentos, 5.000 litros de auga e varios animais das profundidades mariñas como peixes abisais, anfípodos e pequenos crustáceos para a súa análise.
"As ferramentas de medición de protección radiolóxica indican valores ao mesmo nivel que o ruído de fondo ambiental", explica a misión.
"Non observamos ningunha anomalía desde o punto de vista da radioprotección nos sedimentos coas ferramentas que tiñamos a bordo", relatou Chardon, especialista en radioactividade no medio ambiente do Laboratorio de Física de Clermont-Auvergne.
A análise de laboratorio permitirá obter uns datos "aproximadamente 100 veces máis precisos" sobre radioactividade, segundo Chardon, que explicou que en calquera caso "mantivemos a distancia dos bidóns como principio de precaución".
A misión, apoiada polo Instituto Francés de Investigación e Exploración do Mar (INFREMER) partiu de Brest o 15 de xuño e regresou o xoves tras explorar unha ampla zona situada a uns 600 quilómetros da costa francesa desde a cidade de Nantes en busca destes bidóns.
"Impresionounos a cantidade de bidóns que puidemos observar e a tamaño da área", sinalou Chardon, tras revelar que os bidóns están en aproximadamente 163 quilómetros cadrados, uns 20 bidóns por quilómetro cadrado. "A idea é saber se alteramos o ecosistema", resaltou.
200.000 bidóns
En canto á posibilidade de recuperar estes bidóns, Chardon asegurou que é "tecnicamente viable, pero o custo da operación sería astronómico, por non mencionar o risco de que os bidóns se desintegren no proceso".
"Unha soa inmersión leva catro horas, así que imaxinen cantas viaxes farían falta para sacar 200.000 bidóns", argüíu.
Está prevista unha segunda campaña en 2026 ou 2027 que permitirá tomar mostras nas inmediacións e mesmo dos propios bidóns grazas ao robot teledirixido Víctor ou ao somerxible Nautile. "Temos moito traballo por diante para analizar os resultados e escalar esta campaña", apuntou Chardon.
Greenpeace calcula que se depositaron uns 220.000 bidóns con residuos radioactivos na zona, no que cualifica como "punto con maior cantidade de residuos radioactivos do planeta".