Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aumentan a 3.000 os bidóns radioactivos localizados pola expedición francesa fronte ás costas galegas

Aumentan a 3.000 os bidóns radioactivos localizados pola expedición francesa fronte ás costas galegas

O robot submarino UlyX cartografou con sonar 140 quilómetros cadrados en 15 inmersións

Greenpeace estima en 220.000 os bidóns radioactivos depositados na zona

A finais de xuño cifrábanse en 1.800 os contedores localizados, unha cantidade que segue aumentando

O robot submarino UlyX durante o seu lanzamento para unha inmersión (J. Escartin / Flota Oceanográfica Francesa - Campaña Nodssum) O robot submarino UlyX durante o seu lanzamento para unha inmersión (J. Escartin / Flota Oceanográfica Francesa - Campaña Nodssum)
G24.gal 08/07/2025 12:03

A expedición oceanográfica francesa que ten como obxectivo avaliar o estado da Fosa Atlántica fronte á costa de Galicia localizou xa máis de 3.000 bidóns radioactivos.

Segundo explicou o director da investigación que se realiza a bordo do oceanográfico L'Atalante, Javier Escartín, o robot submarino UlyX detectou estes máis de 3.000 barrís tras cartografar con sonar un total de 140 quilómetros cadrados a través de 15 inmersións.

Ademais, realizáronse extracción de sedimentos en 26 puntos e atopáronse oito trampas para peixes.

Buques holandeses, belgas e británicos descargaron refugallos radioactivos na Fosa Atlántica, en augas internacionais, entre as décadas dos corenta e os oitenta do século XX.

Pola súa banda, o Consello de Seguridade Nuclear asegurou a finais de xuño que non se detectaron niveis significativos de radioactividade nin na costa galega nin na cantábrica.

Respecto diso, a Xunta reclamou información ao Executivo central sobre esta investigación. Mentres, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, explicou que se está en contacto permanente coa expedición e se buscará unha solución aos refugallos, ademais de compartir coas comunidades autónomas os resultados que lles traslade a investigación.

Greenpeace estima en 220.000 os bidóns radioactivos depositados na zona

Greenpeace calcula que se depositaron uns 220.000 bidóns con residuos radioactivos na zona, no que cualifica como punto con maior cantidade de residuos radioactivos do planeta, a uns 700 quilómetros das costas galegas.

Agora, esta expedición do Centro Nacional para a Investigación Científica de Francia encárgase dunha nova procura, aínda que a zona xa foi supervisada en 1983 por un submarino francés operado en remoto, o Epaulard.

Non foi ata 1982 cando o buque Sirius de Greenpeace, xunto a barcos galegos, se enfrontou a buques holandeses para que detivesen as súas descargas. Estiman que a industria verteu 142.000 toneladas de lixo nuclear.

"Tras a acción, cuxas imaxes deron a volta ao mundo, o Goberno holandés anunciou a interrupción das verteduras nucleares ao mar. Dez anos máis tarde, en 1992, asinouse o Convenio para a Protección do Medio Ambiente Mariño do Atlántico Nordeste, que prohibe o refugallo dos residuos nucleares de baixa e media intensidade. Un ano despois, o Convenio de Londres da Organización Marítima Internacional vetou calquera vertedura radioactiva ao mar", explicaba a organización ecoloxista hai uns días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade