Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alertan dunha nova estafa en WhatsApp que suplanta contactos para roubar datos e cartos

Alertan dunha nova estafa en WhatsApp que suplanta contactos para roubar datos e cartos

Se alguén nos pide un código ou cartos por WhatsApp, o mellor é chamar directamente esa persoa para confirmar que é quen di ser

A policía recomenda non compartir códigos recibidos por SMS, nin sequera con persoas coñecidas

G24.gal 09/05/2025 17:38

A Policía Nacional alertou a cidadanía dunha nova estafa que afecta a usuarios de WhatsApp. Os delincuentes usan un engano "sinxelo pero moi eficaz" para controlar a conta da vítima, acceder aos seus contactos e facerse pasar por ela para pedir cartos.

O proceso comeza cando os estafadores acceden á conta de WhatsApp dun amigo ou familiar da vítima. Con ese acceso, poden ver as conversas e os números gardados.

Despois, usando esa conta, contactan coa persoa que queren enganar. Como a mensaxe vén dun coñecido, a vítima non desconfía. O estafador di que perdeu o móbil ou que precisa recuperar unha conta doutra rede social, e pide un código que supostamente vai recibir por SMS.

Ese SMS contén unha mensaxe como: “A túa conta de WhatsApp está sendo rexistrada nun dispositivo novo. Non compartas este código con ninguén. O teu código é 000-000”. O delincuente insiste en que é urxente, para que a vítima non pense demasiado.

Se a vítima entrega o código, o estafador pode acceder á súa conta de WhatsApp noutro teléfono. En poucos segundos, desconéctana e xa non pode usar a aplicación.

Unha vez que controla a conta, o estafador utilízaa para falar cos contactos da vítima, pedirlles cartos ou repetir o engano. Tamén pode ler as conversas antigas para facer máis crible a fraude.

Recomendacións da Policía

A Policía Nacional aconsella seguir estas medidas para evitar caer na estafa:

  • Nunca compartir códigos recibidos por SMS, nin sequera con persoas coñecidas.
  • Se alguén pide un código ou cartos, chamar directamente para confirmar que é quen di ser.
  • Activar a verificación en dous pasos en WhatsApp.
  • Desconfiar sempre de mensaxes que pidan datos persoais ou cartos.

Ante calquera dúbida ou situación sospeitosa, aconsellan contactar coas forzas de seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade